5. Os modelos culturais e a globalización

ÁREAS CULTURAIS

As civilizacións ou grandes áreas culturais do mundo abranguen terri­torios cuxos habitantes teñen for­mas comúns de pensar, de compor­tarse, de producir, de vivir..., malia que adoiten existir diferenzas no in­terior de cada territorio ou rexión.

Se observamos o mapa pode­mos comprobar que moitas civili­zacións están definidas por unha relixión determinada, o que fai evi­dente a grande influencia do fenó­meno relixioso na configuración das diferentes culturas.

A CULTURA E AS DIFERENZAS CULTURAIS

Chamámoslle cultura ao conxunto de costumes, de coñecementos e de formas de vivir que un grupo de persoas sente como propio e, ao mesmo tempo, diferente doutros grupos. A lingua, a historia, as ideas sociais ou políticas e a relixión son elementos fundamentais da cultura das persoas. Tamén forman parte da cultura, a alimentación, o vestido, a música, etc.

A miúdo, as persoas que pertencen a unha mesma cultura viven nun mesmo territorio. Non obstante, as migracións ou outras moitas causas fan que non sempre se dea esta situación.

As diferenzas culturais, isto é, a diversidade cultural non se debe ás características físicas das persoas senón á educación, ao modo de vivir e de pensar, etc. Todas as culturas teñen o dereito a desenvolvérense libre e dignamente.

O pluralismo cultural ou multiculturalidade defende a coexistencia de grupos humanos diversos e considera que o "outro", sexa quen sexa, non ten por que ser visto coma un competidor, aínda que posúa outra cultura diferen­te á propia. Coñecendo e respectando os trazos culturais de cada individuo e de cada grupo, estaremos a dar o imprescindible primeiro paso para a convi­vencia.

COMUNIDADE CULTURAL

A cultura é algo individual: cada un de nós identificámonos cuns determinados trazos culturais que, ao mesmo tempo, contribuímos a desenvolver.

Pero a cultura é tamén algo colectivo: compartimos con moitas outras persoas unha lingua, unha relixión, uns costumes, historia e tradicións, unha organización social e económica, e tamén un tipo de música, uns deportes, unhas actividades, uns valores, etc.

Cada un destes elementos compartidos crea unha "comunidade cultural de intereses" na que nos podemos ver identificados. É bo sen­tirse parte dunha determinada comunidade, sempre que iso non implique a exclusión doutras persoas ou grupos.

A CULTURA DE MASAS E DE CONSUMO

Xunto ás diferenzas culturais, herdadas dun pasado máis ou menos afastado, que predominan en determinadas rexións do mundo, na actualidade imponse de xeito progresivo por todo o planeta a chamada cultura de masas.

Unha das súas principais características é a xeneralización dunhas mesmas pautas de consumo. A través delas, un número cada vez maior de persoas consome idénticos produtos (tipos de comida e de roupa, estilos de música, etc.), de maneira que as súas formas culturais (actitudes, estilos de vida, de comportamento e de valores) son cada vez máis semellantes e se abandonan as peculiaridades locais.

A esta homoxeneización contribúen tanto os medios de comunicación, como o aumento no número e na facilidade dos transportes. As súas consecuencias son inmediatas en todo o planeta. O turismo mundial é tamén unha fonte de difusión de produtos e de cam­bio de costumes.

Este proceso de uniformar e estender a cultura do consumo, en ocasións orixina tensións e contradicións fronte ás culturas locais ou tradicionais; os seus valores vense sometidos a rápidos cambios e presións que non sempre son capaces de asimilar ou adaptar, de maneira que moitas veces estes procesos conducen á súa marxinación ou desaparición.

Quizais unha solución óptima sería poder integrar e asimilar, selectivamente e sen imposicións, os aspectos positivos e renovadores que esta cultura de masas lles pode achegar ás culturas tradicionai

A globalización é un fenómeno económico, político, social e cultural que se desenvolve a escala mundial debido aos seguintes factores:

  • A explosión das novas tecnoloxías da comunicación, que permiten a comunicación e os contactos inmediatas entre puntos afastados do planeta.

  • O avance dos medios de transporte.

  • A liberdade máis a facilidade coa que os capitais financeiros se moven dun país a outro.

  • A existencia de grandes empresas multinacionais.

Na actualidade, nas sociedades occidentais o traballo ten unha función primordial: gañar diñeiro. Diñeiro que é necesario para conseguir bens, isto é, para mercar produtos. Esta cadea traballo-cartos- consumo deu lugar á chamada sociedade de consumo.

Na sociedade de consumo ten grande importancia a publicidade. Esta encárgase de aumentaros nosxos desexos de consumo e tamén de orientar as nosas preferencias por uns produtos ou outros.

Dado que as compañías multinacionais venden os mesmos produtos en moitos países, a publicidade que os anuncia ven sendo moi parecida en todos eles.