A Organización das Nacións Unidas (ONU)

A idea de restablecer un sistema de seguridade colectiva máis eficaz que o da fracasada Sociedade de Nacións naceu durante a guerra. En concreto, a Carta do Atlántico, aprobada durante o encontro que mantiveron Churchill e Roosevelt en agosto de 1941, prevía "a institución dun sistema de seguridade xeral establecido sobre bases máis amplas".

Na Conferencia de Yalta liquidáronse algúns dos puntos de fricción entre as potencias:

    • Acordouse que Ucraína e Bielorrusia, ademais da URSS, fosen consideradas membros de pleno dereito da organización.

    • Resolveuse que os membros permanentes do Consello de Seguridade (EEUU, Reino Unido, a URSS, Francia e China) tivesen sempre dereito de veto en todo tipo de resolucións, exceptuando as de procedemento.

Os "Tres Grandes" en Yalta acordaron que "unha conferencia das Nacións Unidas fose convocado en San Francisco, nos Estados Unidos, o 25 de abril de 1945, para preparar a Carta desta organización".

A Carta das Nacións Unidas

A Conferencia de San Francisco (25 de abril-26 de xuño de 1945) aprobou a Carta da Organización das Nacións Unidas, que foi asinada por cincuenta e un estados.

A Carta enunciaba os obxectivos e principios nos que se baseaba da ONU.

Os propósitos eran catro:

    1. mantemento da paz e a seguridade internacionais;

    2. fomentar entre as nacións relaciones de amizade;

    3. realizar a cooperación internacional na solución de problemas internacionais de carácter económico, social, cultural e humanitario, e no desenvolvemento e estímulo do respecto aos dereitos humanos e ás liberdades fundamentais.

    4. servir de centro que harmonice os esforzos das nacións por alcanzar estes propósitos comúns.

Os Principios afirmaban o seguinte:

    • Aorganización baseábase na igualdade soberana de todos os seus membros.

    • Todos os estados membros cumprirían as obrigacións contraídas de conformidade coa Carta.

    • Os membros arranxarían as súas controversias internacionais por medios pacíficos e sen pór en perigo a paz, a seguridade ou a xustiza.

    • Os estados membros absteríanse nas súas relacións internacionais de recorrer á ameaza ou ao uso da forza contra outros Estados

    • Os membros prestarían ás Nacións Unidas toda a clase de axuda en calquera acción que exerzan de conformidade coa Carta, e non axudarían a Estado ningún contra o cal a Organización estiver exercendo acción preventiva ou coercitiva

    • Ningunha disposición da Carta autorizaría á ONU a intervir nos asuntos que son xurisdición interna dos Estados.

    • As Nacións Unidas farían que os Estados que non son membros da Organización, conduciríanse de acordo con estes principios na medida que fose necesaria para manter a paz e a seguridade internacionais.

Asemblea Xeral

A Carta recollía tamén a estrutura interna da ONU que se baseaba nos seguintes órganos:

O Consello de Seguridade é o órgano principal e de maior poder decisorio da ONU, e o seu papel fundamental céntrase en solucionar todas as cuestións relativas ao mantemento da paz e da seguridade internacionais. Inicialmente estivo integrado por once membros, 5 permanentes e 6 non permanentes, pero a partir de 1966 elevouse a quince ao incrementarse o número destes últimos.

O Consello de Seguridade adopta resolucións obrigatorias para os Estados membros. En todos os asuntos importantes, non de procedemento, as súas resolucións apróbanse co voto afirmativo de sete membros, comprendendo os votos coincidentes dos permanentes. A Carta introducía, así, unha importante innovación fronte á Sociedade de Nacións, ao permitir que o Consello de Seguridade adoptase decisións obrigatorias por maioría cualificada, a condición de que, condición indispensable, os membros permanentes estivesen nesa maioría. Era a regra da unanimidade das grandes potencias que se traducía, de feito, no seu dereito de veto e no instrumento do seu poder. Finalmente, o Consello de Seguridade nos seus labores para o mantemento da paz ten capacidade para organizar un exército a partir dos efectivos proporcionados polos membros da organización, así como impor sancións económicas a Estados agresores ou que violan as normas internacionais. As forzas de Nacións Unidas, os coñecidos como "cascos azuis" realizaron numerosas intervencións para frear conflitos armados, especialmente en Palestina, Congo, Chipre, Líbano, Caxemira... Estes exércitos son tamén empregados para protexer ao persoal das axencias da ONU en misións de axuda humanitaria.

A Asemblea Xeral é o principal órgano de debate e está integrado por delegados de todos os Estados membros, cada un deles ten dereito a voto. A Asamble ten amplas competencias: elección dos membros non permanentes do Consello de Seguridade, admisión de novos membros, nomeamento do secretario xeral a proposta do Consello de Seguridade... Con todo, as decisións da Asemblea Xeral só teñen o carácter de recomendacións. Estas resolucións deben ser adoptadas polo voto da maioría dos dous terzos dos membros presentes e votantes.

A Secretaria, órgano administrativo das Nacións Unidas, presta os seus servizos aos outros órganos, administrando os programas e políticas por eles elaborados. Á fronte da Secretaría, figura o secretario xeral que xoga un labor de coordinación en toda a organización e pode chegar a ter un papel político importante. O noruegués Trygve Lie foi o primeiro en acceder ao posto (1946-1953), substituído polo sueco Dag Hammarskj5ld (1953-1961) quen tras morrer nun accidente de avión no Congo mentres encabezaba unha intervención de Nacións Unidas foi substituído polo birmano Ou Thant (1961-1971). O austriaco Kurt Waldheim, convertido en secretario xeral entre 1971 e 1981, tivo o seu continuador no peruano Pérez de Cuéllar (1981-1991), á súa vez substituído polo exipcio Butros Gali (1991-1997). O actual secretario xeral é Kofi Anan, elixido en 1997 e reelixido no 2001.

Outros órganos da ONU con competencias definidas eran o Consello Económico e Social (coordinador de todo o labor económico e social da organización), o Consello de Administración Fiduciaria (supervisa a administración dos territorios baixo a administración fiduciaria) e a Corte Internacional de Xustiza con sede na Haia (órgano xudicial da ONU á que poden recorrer todos os Estados membros e ata os que non o son).

Para rematar, ás Nacións Unidas engadiríanse os chamados organismos especializados por ela coordinados que abarcaban desde o Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Internacional de Reconstrución e Desenvolvemento (BIRD), a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) e a FAO, organización dedicada á alimentación e a agricultura.

A pesar de todas as expectativas e ilusións creadas, a ruptura entre os Aliados co estalido da guerra fría paralizará o funcionamento da ONU, especialmente mediante o uso do dereito de veto das grandes potencias enfrontadas.