A Virxe das Rochas

Catalogación

Título: A Virxe das Rochas

Autor: Leonardo da Vinci (1452-1519)

Cronoloxía: finais século XV (1483- 1486)

Estilo: Renacemento ( Cinquecento)

Técnica: Óleo

Soporte: Táboa

Localización actual: a máis antiga está no Museo do Louvre, feita primeiro sobre táboa e transferida a lenzo posteriormente. Na National Galery, Londres, pintada entre 1492 e 1508, está pintada ao óleo sobre táboa.

Tema: Desenvolve un episodio dos evanxelios apócrifos segundo o cal durante a fuxida a Exipto, a Sagrada Familia encontrase con Xoán Bautista quen para fuxir da matanza dos inocentes, se refuxiara nunha cova protexido por un anxo (Uriel).

Os personaxes que aparecen son: no centro, María acollendo coa man dereita a Xoán; á esquerda e semiaxeonllado, Xoán Bautista coas mans xuntas en actitude de oración; á dereita, o Neno Xesús dándolle a bendición coa súa man dereita; detrás de Xesús, o anxo.

Resulta ser un exemplo perfecto de harmonía renacentista coa súa equilibrada composición piramidal, e pechada, con vértice na cabeza de María sendo tamén ela a que ocupa o eixe vertical central. Os lados da pirámide están ocupados por Xoán e o Neno e noutro o anxo. Pero tamén cada unha das figuras pode ser considerada como un triángulo independente, o da Virxe ven ser o máis evidente a primeira vista. Os catro personaxes dispóñense en planos de profundidade distintos, desde o primeiro plano do Neno que así subliña a súa importancia ata o derradeiro de María. E os catro semellan illarse do espectador pola curva que define o borde do abismo en primeiro plano.

Emprega a perspectiva aérea que ten en conta a bifocalidade da visión humana e maila existencia de aire entre os obxectos e o observador. Deste xeito establece varios principios: esvaecemento das cores ó se afastar os obxectos, a súa variable cromática segundo se trate de primeiros ou segundos planos, a acumulación de azuis -cores frías- nos fondos, perfís esvaecidos -sfumato- cun certo aire de formas inacabadas, luz tibia e difusa con contrastes suaves. Todos estes postulados se reflicten nesta obra e contribúen a superar a rixidez do Quattrocento para acadar un naturalismo clasicista.

A luz natural fíltrase desde o alto a través das fendas das rochas pero desde a esquerda unha luz misteriosa ilumina as figuras sagradas, especialmente esvara sobre os corpos espidos, como símbolo de pureza, dos dous infantes, fundíndose coas sombras. As cores serven a crear profundidade, emprega no primeiro plano os verdes, en segundo plano o vermello e gama de amarelos, mentres no fondo aparecen as habituais gamas frías de azuis.

A ligazón psicolóxica de todos os personaxes está lograda a través das miradas e dos xestos, particularmente esas mans de Leonardo que expresan sentimentos. Tal conexión de xestos e miradas guían a lectura significativa da obra e queda patente na configuración circular na que es encontran as catro cabezas, un círculo con centro no embigo de María.

As personaxes desprenden dozura e tenrura tanto nos xestos coma nos seus rostros de beleza idealizada nos que destaca o leve sorriso característico das obras de Leonardo

Convén destacar o primoroso virtuosismo na man de María en contundente escorzo e o realismo botánico da vexetación e xeolóxico das rochas do fondo.