Mosaicos de Xustiniano e Teodora (San Vitale de Rávena)

Cronoloxía: 547

Estilo: bizantino

Técnica: mosaico (opus teselatum)

Tema: retrato conmemorativo relixioso

Contexto

Co afan de resucitar unha parte do perdido Imperio Romano e anexionado ao Bizantino, durante o reinado do emperador Xustiniano (527- 565) levouse a cabo unha política expansionista polo Mediterráneo occidental. Con esta intención conquistouse toda Italia, cuxa capital era Rávena, así como tamén a zona sueste da Península Ibérica e do norte de África. Esta política expansionista foi acompañada dunha intensa actividade artística, na que pintura e mosaicos tiveron unha importancia particular.

A parte de Santa Sofia, da que non chegaron restos, a igrexa de San Vitale de Rávena é un dos mellores exemplos da arte bizantina, tanto pola súa construción arquitectónica, como sobre todo polos mosaicos do seu interior.

Descrición formal

As dúas representacións amosan unha clara composición frontal a xeito de friso. As personaxes manteñen unha proporcionalidade naturalista entre elas, prescindindo da perspectiva xerárquica. No seu lugar, para dotar dunha maior notoriedade ás figuras máis relevantes de Xustiniano e Teodora, ambos se erixen no eixe central da composición, visten cunha túnica escura e cunha superior riqueza de complementos, ademais de estar coroados por unha auréola de santidade.

Na súa concepción, as figuras principais adquiren un marcado hieratismo e rixidez corporal, acentuado polos pregamentos das roupas e pola idealización dos rostros, nos que se adiviña unha buscada simetría e proporcionalidade xeométrica, aínda cando se trata de retratos individualizados.

Ambos os dous mosaicos están dominados por un fondo dourado atemporal que lle imprime á escena unha maior sensación de solemnidade. Con todo, tamén se aprecia unha vontade realista ao representar o chan en cor verde e colocar algúns elementos arquitectónicos. Ademáis, no panel de Teodra intúese un infructuoso intento de perspectiva ao situar unha fonte diante da porta dunha habitación cuxo interior aparece tras a cortina que descobre unha das personaxes.

Coa mesma intención de dotar ao espazo dunha maior profundidade, tamén se utiliza a perspectiva gradual ou isocefalia (superposición de cabezas de iguais dimensións) na representación de personaxes secundarios: soldados e damas de honor.

O cromatismo en ambos casos é moi rico en matices e tonalidade, destacando a variedade de motivos decorativos dalgunha túnicas.

Fonte: Vicens Vives