O expresionismo abstracto

Contexto

Coa II Guerra Mundial, o centro da arte occidental trasladase, por primeira vez, fóra de Europa. París cedíalle o cetro a Nova York. Moitos dos artistas das vangardas europeas, como Duchamp, Mondrian ou Dalí, exílianse nos Estados Unidos (Hitler cualificara as vangardas de arte dexenerada) e o MOMA actúa como difusor da arte das primeiras vangardas, en especial da obra de Picasso que sería de gran influencia para os artistas americanos apoiados pola galería de Peggy Guggenheim (Art of this Century). O mercado artístico collerá un pulo sen precedentes e determinará a creación artística, xa sexa como rexeitamento da obra como mercancía (na liña da arte conceptual e da arte de acción) ou como inserción e aproveitamento das súas canles (como será o caso do Pop Art).

Os artistas dos anos 40, agrupados na denominada Escola de Nova York, son os primeiros en desenvolver unha linguaxe identitaria propia, afastada dos parámetros europeos e do rexionalismoamericano. Imbuídos dun espírito de rebeldía creativa, decántanse polo informalismo (como en Europa, Tapies), é dicir por unha pintura que rompa coas formas da tradición e que fuxa de toda regulación e racionalidade.

Esta pintura é a expresión dunha época marcada por profundos cambios sociais e políticos nun mundo que acaba de saír dunha guerra mundial, que ven de descubrir o horror dos campos de concentración, que está a experimentar coa bomba atómica -Hiroshima e Nagasaki- e que se acha inmerso no comezo da Guerra Fría.

Partindo do automatismo surrealista, da espiritualidade herdada de Kandinsky (para quen toda arte é froito dunha necesidade interior) e do expresionismo europeo, os xoves artistas estadounidenses recorren a todo tipo de técnicas par deixar patente a pegada do artista na obra. A pincelada xestual, o goteo, as resgaduras (frottage) e os chorretóns, entre outros recursos, son os transmisores das emocións e sentimentos do artista. O resultado eran lenzos de gran forza visual que reflectían unha acción intuitiva desenvolta nun momento irrepetible.

Isto denominouse Expresionismo Abstracto e Pollock foi o seu mellor representante.

Biografía do autor

Entre 1935 e 1942, Pollock traballou para o Work Progress Administration, proxecto concibido polo goberno dos Estados Unidos para introducir a arte nos edificios públicos. Nestas primeiras obras, Pollock pintou escenas estadounidense de forma realista.

A partira de 1943, Pollock recibiu múltiples influencias -muralistas mexicanos como Diego Rivera, surrealismo, Picasso e os indios navallos de América do Norte- que foron aglutinadas polo artista en 1947, cando realizou o seu primeiro dripping (pingar),unha nova técnica pictórica consistente en facer pingas e manchas cromáticas sobre a tea a partir de nerviosos e rápidos movementos. O resultado de todo iso son formas abstractas que poden ser consideradas as pegadas impulsivas do artista. Este primeiro dripping converteuse nunha obra de referencia da nova pintura norteamericana, e Pollock non abandonou este estilo ata pouco antes da súa morte.

Descrición formal

A obra resulta especialmente innovadora desde o punto de vista compositivo, xa que o artista ocupa deliberadamente toda a superficie pictórica, estilo que se coñece co termo all-over-painting (superficie completamente pintada).

Para a súa creación, Pollock concibía o cadro como un verdadeiro ritual. Fixaba o lenzo no chan, sen utilizar un cabalete, e posteriormente derramaba a pintura sobre o soporte desde unha lata furada ou utilizando grandes paus, paletas ou coitelos.

Os densos entramados lineais que constitúen polas pingadas das distintas cores, esténdense dun modo compulsivo por todas a superficie da tea, reproducindo pictoricamente os ritmos dinámicos empregados polo artista na súa creación.

O resultado desta acción provoca o abandono da idea tradicional de composición en termos de relacións entre partes, posto que non existe ningún centro de atención principal do cal se deriven o resto de elementos, e o espectador non ten ningún punto de referencia desde onde empezar a analizar a obra.

Finalmente, ao igual que sucede coa forma, tampouco a cor segue as leis tradicionais. Non existe unha lóxica de contraste, senón o desexo de pintar en estado puro. Por outro lado, a profundidade suxerida no lenzo non é producto de ningún tipo de perspectiva cromática, senón dunha simple superposición das capas de pintura.

Temática

Un está formado por un denso entramado de liñas e manchas que enchen toda a superficie do lenzo, facendo desaparecer todo vestixio figurativo. Así mesmo, ao titular a obra cun número -algo que foi recorrente na maior parte da súa obra posterior- reforza aínda máis o carácter abstracto da mesma, provocando que o espectador se enfronte á pintura sen ningún dato que poida condicionar a súa mirada ou limitar o seu amplo significado emocional.

Datado en 1950, este lenzo é dos drippings de maior tamaño, e resume nel toda a linguaxe plástica do pintor: gran formato, liberdade expresiva e abstracción. A obra, dun envolvente dinamismo, foi comparada por uns cos ritmos primarios da natureza, e por outros coa coreografía dunha danza, cuxo rastro quedou perenne sobre a tea mediante o singular proceso creativo que utilizou o pintor. Actualmente este proceso creativo coñécese grazas ás fotografías e películas realizadas por Hans Namuth.

Autor: Jackson Pollock (1912-1956)

Cronoloxía: 1950

Estilo:expresionismo abstracto.

Técnica:óleo, esmalte e pintura de aluminio sobre lienzo.

Tema: abstracto.

Localización: National Gallery (Washington)

Catalogación Título: Un

Modelos e influencias

Os famosos drippings (chorreado) de Jackson Pollock son o resultado dunha gran suma de influencias que teñen como base as experiencias e teorías abstractas de kandinsky.

Paralelamente, desde o punto de vista formal, o uso dunha gran tea deriva dos muralistas mexicanos, e en canto á execución da obra, advírtese unha dobre influencia: a experiencia creativa e ritual dos indios navallos e técnica inconsciente do automatismo surrealista empregada por Miró. A intensidade rítmica das súas creacións pode relacionarse cos traballos de autores como Michelangelo, El Greco e Rubens, cuxas obras admirou e copiou durante o seu período de formación.

A obra de Pollock está considerada o paradigma da nova arte norteamericana, e o seu particular estilo creativo foi considerado un precedente dos happenins e do Body Art.

Máis explicacións