Resumo xeral do tema

Os progresistas, liderados polo xeneral Prim, asinaron o Pacto de Ostende (1866) con unionistas e demócratas co

obxectivo de derrocar á raíña Isabel II e implantar o sufraxio universal. A crise económica e o descontento político contra

os impopulares e corruptos moderados desencadearon a revolución. En setembro de 1868 o unionista almirante Topete

pronunciouse en Cádiz xunto a Prim e o xeneral Serrano, á fronte da Unión Liberal desde 1867. A sublevación foi apoiada

polas Xuntas revolucionarias que se organizaron nas grandes cidades, a maioría dirixidas polos demócratas, partidarios do

sufraxio universal, amplas liberdades (de culto, de asociación etc.) e a supresión dos odiados consumos e das quintas. A

revolución de 1868, chamada Gloriosa, triunfou con rapidez no país xa que só se opuxeron algúns moderados que formaban

a camarilla da raíña. Derrotados estes en a batalla de Alcolea, a raíña Isabel II perdeu o trono e se exiliou a Francia.

1. O Goberno Provisional (1868-1871):

Trala revolución formouse un Goberno Provisional presidido polo xeneral Serrano e composto por unionistas e progresistas, con Prim á fronte do Ministerio da Guerra.

O novo goberno convocou eleccións a Cortes Constituíntes por sufraxio universal, que foron gañadas polos progresistas.

As Xuntas revolucionarias foron disoltas e os demócratas escindíronse en dúas faccións: os dispostos a colaborar co Goberno (fose monarquía ou república) e os que querían unha república federal.

O Goberno Provisional eliminou os consumos como desexaban as clases populares pero non as quintas.

Ao ano seguinte aprobouse a Constitución de 1869, cuxas principais características eran:

  • Soberanía nacional.

  • A forma de Estado era a monarquía democrática pero recortábanse as atribucións reais, aínda decisivas (disolver as Cortes, libre designación de ministros).

  • O poder lexislativo residía nas Cortes bicamerais (Senado e Congreso), cuxos membros eran elixidos por sufraxio universal masculino para maiores de 25 anos. O Senado seguía sendo unha cámara de notables.

  • O poder executivo quedaba en mans do Consello de Ministros.

  • O poder xudicial exercíano os tribunais de xustiza e creouse o xurado popular.

  • Ampla declaración de dereitos (liberdade de cultos, de imprenta, de ensino etc., recoñecéndose por primeira vez os de asociación e reunión)

  • O Estado organizábase de forma descentralizada. Os concellos tiñan alcaldes elixidos polos veciños.

En resumo, era a primeira Constitución democrática en España, inspirada na de 1812, que recollía os principios progresistas da Revolución Gloriosa.

Unha vez aprobada a Constitución, iniciouse a Rexencia de Serrano e Prim foi nomeado xefe de goberno. Como se establecía a monarquía e ninguén quería aos Borbóns, houbo que buscar un rei o que non resultou fácil. Finalmente foi elixido polas Cortes o italiano Amadeo de Saboya o candidato de Prim.

O ministro de Facenda, Figuerola, tomou importantes medidas: estableceu a peseta como moeda, promulgou a Lei de Minas, que permitía a súa venda a empresas privadas- polo xeral estranxeiras- e rebaixou os aranceis aduaneiros para facilitar o librecambismo (arancel Figuerola), aínda que non fixo unha reforma fiscal.

2. A monarquía democrática de Amadeo I (xaneiro 1871- febreiro 1873)

O mesmo día en que o novo rei desembarcaba en Cartagena, Prim foi asasinado. A monarquía democrática non chegou a consolidarse porque Amadeo, pese á súa boa vontade, atopouse con moitos problemas.

Carlistas e monárquicos alfonsinos eran inimigos seus, así como os republicanos. Non contaba con apoios sociais e si coa oposición da aristocracia e da Igrexa. Os progresistas por outra banda estaban divididos entre constitucionalistas de Sagasta e radicais de Ruiz Zorrilla. As disensións con unionistas e demócratas eran cada vez maiores, o que orixinaba unha gran inestabilidade política.

Para agravar a situación estalaron dúas guerras: a 3ª carlista e en Cuba.

Amadeo, canso e impotente, abdicou.

3. A Primeira República (1873-1874)

Fracasada a monarquía de Amadeo, ante a ausencia doutro candidato monárquico aceptable e tras unha votación en Cortes, foi proclamada a Primeira República (11 de Febreiro de 1873). Nas eleccións de maio os republicanos obtiveron o 90% dos votos, pero houbo gran abstención.

A República tivo moitos problemas. Os republicanos, na súa maioría intelectuais e clases medias reformistas, non tiñan apenas apoio social e ademais estaban divididos en federais, (con Pi e Margall á fronte, partidarios dun Estado federal descentralizado) e centralistas, á vez que os intransixentes promovían a violencia para alcanzar reivindicacións sociais.

Houbo unha enorme inestabilidade política, sucedéndose en menos dun ano catro presidentes (Figueras, Pi e Margall, Salmerón e Castelar). Pi e Margall elaborou un proxecto de constitución (1873) que defendía a República como forma de Estado, o federalismo e a separación de Igrexa e Estado, así como máis amplas liberdades e dereitos cidadáns, pero non chegou a entrar en vigor. Os republicanos tomaron medidas radicais, como a supresión dos consumos e quintas e da escravitude nas illas de Cuba e Porto Rico, entre outras.

Pero a axitación social era continua. Os campesiños andaluces ocuparon terras e os obreiros organizaron unha folga xeral en Alcoy. Seguían as guerras en Cuba e a Terceira Carlista e para rematar estalou un movemento insurreccional promovido polos federais intransixentes: o Cantonalismo. En Levante, Murcia e Andalucía proclamáronse cantóns independentes e soberanos Cádiz, Algeciras, Málaga, Granada, Castellón e moitos outros. O cantón máis importante foi o de Cartagena. Pi e Margall dimitiu, incapaz de controlar a situación sen traizoar os seus principios antimilitaristas. Salmerón recorreu ao exército, que someteu aos cantóns. Só Cartagena resistiu ata xaneiro de 1874, grazas ao apoio dos mariños.

Tralo cantonalismo, a República federal virou á dereita e volveuse centralista con Castelar, quen gobernou de forma autoritaria disolvendo as Cortes. Os republicanos federais forzáronlle a dimitir.

O 3 de xaneiro de 1874, o xeneral Pavía irrompeu no Congreso e disolveuno, acabando a Primeira República. O golpe de Estado estableceu un goberno autoritario presidido polo xeneral Serrano, quen suspendeu a Constitución e os dereitos. Cánovas del Castillo , líder do partido alfonsino, preparou a volta dos Borbóns na persoa de Alfonso, fillo de Isabel II. O xeneral Martínez Campos pronunciouse en Sagunto (decembro de 1874) e Alfonso XII foi declarado rei, comezando o período da Restauración.