Vocabulario

Baldaquino: Estrutura a modo de dosel apoiado en catro piares ou columnas que se sitúa sobre o altar ou sobre unha tumba. Como estrutura arquitectónica, o de bronce, da Basílica de San Pedro do Vaticano, deseñado por Bernini, constitúe un exemplo senlleiro.

Cadro de xénero: xénero pictórico que representa escenas e temas tomados da vida cotiá. Caracterízase polo seu grande realismo.

Columna salomónica: Soporte arquitectónico de base circular e fuste helicoidal. O nome vén da suposición de que así eran as do templo de Salomón. Moi utilizada no barroco.

Esfumato: técnica pictórica que consiste en deixar imprecisos ou esvaecidos os contornos das figuras representadas, conseguindo así efectos atmosféricos. As transicións entre as luces e a sombras resultan imperceptibles por efecto das gradacións. Ex: A Gioconda, Leonardo da Vinci (Museo do Louvre).

Perspectiva aérea: recurso pictórico que pretende representar a terceira dimensión, na que os obxectos se esfuman progresivamente a medida que se afastan do espectador. Ten en conta as modificacións cromáticas e a forma que toman os obxectos a través da atmosfera que os envolve. Esvaece as liñas converxentes, elimina os límites da forma d da cor e os obxectos perden nitidez porque, a maior distancia, os contrastes de claroscuro diminúen. Consegue unha impresión moi real da profundidade. Ex: As Meninas, Velázquez, 1656, Museo do Prado.

Retablo: estrutura de feitío arquitectónico con maior ou menor decoración que se sitúa comunmente detrás do altar en moitas igrexas cristiás, acaroado contra a parede. Pode ser de madeira, pedra, mármore, metal, cerámica ou barro, con formas e dimensións variadas, e decorado con esculturas, pinturas ou combinando ambas. Está composto dun corpo inferior, chamado banco ou predela; pisos, subdivisión horizontais e corpos verticais, denominados canles ou cales. A prolongación do canle central que sobresae do derradeiro piso chámase ático.