Mesquita de Córdoba

FICHA TÉCNICA

Título: mesquita de CórdobaAutor: descoñecido

Cronoloxía:785-788, ampliada sucesivamente no 833, no 855, entre o 962 e o 966 e no 987.

Estilo:hispanomusulmán.

Tipoloxía: mesquita.

Materiais:pedra, ladrillo, madeira e, a nivel decorativo, xeso.

Localización: Córdoba (España)

Aspecto da mesquita entre os séculos VIII ao X.

Nos anos 80 do s. X, Almanzor ampliana con oito naves novas cara leste,

co cal o mihrab queda descentrado.

Contexto

A mesquita de Córdoba foi construída baixo o goberno do emir Abderramán I (756-788), despois que a cidade fose elixida capital do califato. Construíuse no terreo da igrexa visigoda de San Vicente.

Ata o século X, a mesquita foi ampliada en repetidas ocasións para poder albergar nela a unha poboación cada vez máis numerosa. En 1523, unha vez rematada a Reconquista, o cabido de Córdoba ordenou a construción dunha gran catedral en medio da mesquita. Esta actuación levou á destrución de 63 columnas e arcos da sala de oración, feito que provocou no seu momento as queixas de boa parte da poboación.

Función, contido e significado

A mesquita é a expresión artística máis evidente da fe islámica. A palabra árabe masyid, á que se remontan os distintos nomes da mesquita, significa "lugar de postración", e designa o sitio no que os fieis adoran a Alá na terra e, deste xeito, cumpren o fixado ritual da oración en venres, principal deber cotián que teñen os musulmáns.

A mesquita tamén ten unha finalidade política, xa que a obrigatoriedade da oración permitía aos califas controlar de preto as clases aristocráticas e políticas.

Descrición formal

Todo o recinto está limitado por un muro homoxéneo de 178 X 125 m que, a modo de muralla e sen fachada principal, rodea todo o recinto. Nel sobresaen numerosos contrafortes rematados en ameas e 19 portas que dan acceso ao interior. Estas presentan unha tipoloxía de tres corpos -un central de apertura e dous laterais cegos- decorados con arcos de ferradura, arcos lobulados e celosías. No muro occidental levántase o antigo minarete, convertido posteriormente en campanario cristián.

Mihrab

O interior pódese dividir en dúas partes ben diferenciadas: o patio das laranxeiras e a sala de oración ou haram. O primeiro espazo é un patio descuberto ou sahn, onde se atopan o minarete, catro fontes rituais -sabils- e un conxunto de laranxeiras aliñadas perfectamente coas naves da sala de oración. A esta sala, que é o segundo espazo, accédese mediante calquera das 19 portas que corresponden a outras tantas naves que dividen perpendicularmente a sala, a partir dun impresionante bosque de 514 columnas.

No primeiro edificio de 11 naves, as columnas levantáronse utilizando fustes e chapiteis de granito, xaspe ou mármore de anteriores edificios romanos e visigodos. Para compensar a pouca envergadura das columnas ideouse un enxeñoso sistema de dúas arcadas (ferradura e medio punto) superpostas, coas que se puido chegar a unha altura de 11,5 m.

No muro orientado a Damasco -quibla- atópase o mihrab, que coa ampliación de 8 naves no século X quedou descentrado.Ten forma octogonal embutido no muro da quibla, ao exterior semella un contraforte. O interior decórase con arcos lobulados cegos e cóbrese cunha cúpula en forma de cuncha. O acceso realízase por un gran arco de ferradura enmarcado por un alfís e apoiado en pares de columnas a cada lado . Arco, alfís e enxutas van ornamentados con revestimento de mosaicos, de teselas de ouro bizantino, empregando como elementos ornamentais epigrafía, motivos vexetais e formas xeométricas. Diante deste espazo sagrado sitúase a maqsura, lugar reservado ás autoridades, ricamente iluminado grazas ás catro cúpulas con ventás radiais, construídas cando o alongamento da sala impedía que a luz do patio chegase á quibla. Estas cúpulas levántanse a partir dun sofisticado sistema de arcos entrecruzados que permite seguir gozando da visión do bosque de columnas.

Contorno e integración urbanística

En medio da cidade de Córdoba, e seguindo os preceptos musulmáns, a mesquita orienta un dos seus muros cara á Meca. As tonalidades ocres dos materiais así como a súa escasa altura, fan que a mesquita quede totalmente integrada no contorno. Unha adecuación que sería maior de non ser polas posteriores intervencións cristiás, que rompen a unidade de todo o conxunto.

Modelos e influencias

Ideada como unha réplica adaptada da Gran mesquita de Damasco, os arquitectos de mesquita de Córdoba adoptaron tradicións constructivas locais, xunto a influencias ornamentacións da arquitectura romana -uso de doelas bicolores- e da arte visigoda - emprego de arcos de ferradura-.

A mesquita de Córdoba achegou numerosas innovacións entre as que destaca a introdución do xeso como material de ornamentación interior en arabescos e lanzarías, o uso decorativo das inscricións cúficas loando o nome de Alá e a tipoloxía de minarete -hoxe desvirtuada polo campanario cristián-, que serviu de modelo para outras mesquitas de Al-Andalus.