20. Evolución das artes figurativas no século XX

Contexto histórico

Os comezos do século xx ata a Primeira Guerra Mundial (1914-1918) constitúen unha época singular, convulsa no político e no social, expansiva no económico e de gran vitalidade no cultural e artístico, sobre todo no campo das manifestacións plásticas. Nestas créanse unhas novas linguaxes, opostos aos tradicionais, ao concibirse a arte non como un instrumento de «representación da natureza», senón como un vehículo de investigación e creación aberta e continua. Esta tarefa está protagonizada por unha serie de movementos artísticos ata a Segunda Guerra Mundial (1939-1945) denominados vanguardias históricas.

O horror e a amargura que provoca a Gran Guerra botaron por terra o optimismo e a confianza no progreso que caracterizaran, polo xeral, a cultura europea desde a Revolución Industrial. Aparecen manifestacións e posturas de radical rexeito a esa «razón» que conducira aos homes á «sinrazón da guerra»; de aí a apelación ao absurdo -Dadá- ou o descubrimento do irracional, do soño ou do subconsciente -Surrealismo- como rexeitamento á «coherencia e á lóxica» do cotián. Só na Rusia soviética un entusiasta grupo de artistas prosegue, por pouco tempo, unha renovación das linguaxes en estreita conexión coa Revolución triunfante.

Na década dos anos trinta péchase o ciclo de vangardas históricas. Separadamente do agotamiento dos propios movementos artísticos, inciden na súa desaparición os efectos negativos da crise económica do ano 1929 e, sobre todo, o establecemento de réximes totalitarios, como o da URSS estalinista, a Italia fascista ou a Alemania nazi. Para estes sistemas os movementos de vangarda non pasan de ser unha arte dexenerado ou unha mera manifestación pequeno-burguesa do capitalismo, polo que se mostran partidarios dunha arte de corte academicista, favorable ou facilmente manipulado polo poder. Nestes países os artistas de vangarda, como tamén sucede a outros intelectuais, non teñen máis salida co exilio, nalgúns casos interno, e para a maioría a Estados Unidos.

A obra de Picasso "O Guernica" realizada en 1937 en plena Guerra Civil española, convirtese en profecía plástica da Segunda Guerra Mundial. Unha consecuencia deste conflito é conságración de Estados Unidos como centro decisorio a todos os niveis, incluído o artístico. Nova York substitúe a París como centro da arte.

A división do mundo en bloques antagónicos, o capitalista e o comunista, crea no mundo occidental, pero sobre todo en Estados Unidos, un clima favorable á arte de vangarda. Non deixa de ser sorprendente este cambio de actitude, pois ata entón fora rexeitado e era impopular e minoritario. Pero agora, por mor da guerra fría, considérase ás vangardas, ou ao que queda delas ou ás súas sucesoras, como a expresión artística da ideoloxía democrática e, xa que logo, son aceptadas e ata apoiadas a nivel gobernamental e privado.

Este amparo institucional, visible sobre todo na creación de museos de arte contemporánea, pon en crise ás propias vangardas ao cuestionar a súa razón de ser, é dicir, comportarse como manifestacións artísticas de ruptura. A fins dos anos sesenta, a arte pop acaba unificando a cultura minoritaria coa popular. A partir de entón desenvólvense múltiples tendencias que non responden a rupturas profundas, é dicir, a movementos de vangarda, senón a meros cambios de moda, en ocasións provocados polo mercado artístico que necesita renovar os seus produtos. Sucédense manifestacións como o Neodadá, a arte Brut, o Minimal, o Conceptual, os Performances, etc., que se moven entre o informalismo e a figuración, entre a arte e o anti-arte, buscando o seu camiño ante a competencia doutros xéneros como a fotografía ou o cine.

A prosperidade destas décadas, ata a crise do petróleo do ano 1973, favorece o investimento de múltiples recursos privados e públicos en obras de arte e convérteas nunha mercancía máis do sistema capitalista. Isto explica a elevada cotización que alcanzaron algúns cadros, por exemplo, de pintores impresionistas ou postimpresionistas.

A tecnoloxía, á súa vez, transformou profundamente as artes ao introducirse en todos os ámbitos da vida cotiá a través dos medios de comunicación de masas -prensa, cine ou cibernética-. As imaxes artísticas utilízanse na publicidade, no deseño industrial e no de obxectos de uso doméstico. Desta forma o público, que vai adquirindo un maior nivel cultural, se familiariza con elas e acode aos museos e exposicións no seu tempo de lecer.

As novas tecnoloxías transforman tamén o xeito de mirar e percibir as obras de arte. Cada vez aparecen máis integradas, mesturando pintura, escultura e fotografía. A maioría dos artistas foron á vez pintores e escultores ou ata cultivaron outras artes como a cerámica, os tapices, etc., e colaboraron coa música, o ballet, a literatura ou o cine. Créanse os fotomontaxes e pódese chegar a vivir as experiencias artísticas por medio da realidade virtual.

Nos anos oitenta a postmodernidade favoreceu posturas eclécticas e de escepticismo. Imponse a idea de que todo pode valer e ser admitido. Ao non existir criterios de valoración obxectivos se chega a un relativismo cultural que borra a diferenza entre a aportación artística innovadora e as experiencias menos creativas e triviais; entre o que é arte e o que é pura técnica, entre a provocación e a creación. Pero mantense o gran debate entre abstracción e figuración, que é unha constante na arte do século xx.