Pintura

A pintura románica, ao igual que a escultura, estivo tamén fortemente supeditada á arquitectu­ra. Neste sentido as dúas principais representa­cións foron: a pintura mural ao fresco, que decora­ba os muros, bóvedas e ábsidas das igrexas, e a pintura á témpera sobre táboa, utilizada basica­mente para a elaboración de frontais de altar.

PINTURA MURAL AO FRESCO

«Polo común, ás pinturas que cobren as pedras románicas denomínallas erroneamente frescos. Aínda que, certamente, o fresco era a técnica básica, non se pode falar, en sentido estrito, de fresco senón máis ben de técnica mixta, fresco e temple.

A preparación do muro para este tipo de pintura esixía dous materiais: cal e area. No momento de pintar, a primeira capa recubríase cunha imprimación da mesma especie, salvo que a area tiña que ser máis fina e o cal menos vivo. Só se podía pintar cando o enlucido estaba fresco; iso esixía un proceso de execución moi rápido, preparando unicamente aquela parte do mural que podía ser pintada nun día. No caso de utilizar o temple, só se tiña que humedecer de novo a superficie: estendíase unha cor de base, polo común claro, e sobre este con trazos negros ou en ocre vermello se debuxaban as liñas fundamentais das figuras e dos motivos decorativos; o acabado realizábase a continuación, actuando desde os movementos xerais ao detalle. As cores utilizadas eran habitualmente produto de terras naturais, e debían de ser preparados polos propios pintores, que tiñan que moelos, mesturados con auga, moelos de novo e gardalos húmidos para que puidesen ser usados no momento oportuno.»

SUREDA, op.cit., tomo IV, p. 112.

PINTURA Á TÉMPERA SOBRE TÁBOA: OS FRONTAIS DE ALTAR

O frontal é unha peza de madeira que se colocaba diante do altar e decorábase con pinturas distribuídas en escenas que narraban unha historia común.

Na pintura sobre táboa, o fundamental é a selección das madeiras. O carballo, o álamo brando, o piñeiro silvestre e a aciñeira foron quizá as máis empregadas. Unha vez cortadas as táboas e tapadas as xuntas (cando era necesario, con teas de lino), o pintor iniciaba a preparación de base, consistente, polo xeral, nunha capa de xeso con cola, cuxo espesor dependía da calidade da madeira e da súa rugosidade. Logo debuxábase con punzón ou con pincel, e finalmente iluminábase o debuxo con amarelos, vermellos, verdes e azuis, sen esquecer o branco e o negro. Para dar corpo ás figuras raramente eran empregados os relevos de estuco e a técnica do pastillaxe (aplicar o xeso formando o relevo, antes de pintar ou dourar). Para os fondos aplicábanse os pans de ouro, que se gravan con rosetas ou motivos xeométricos, e adóitanse recubrir con verniz, para obter o efecto de esmalte (Sureda, op. cit., p. 112).

O predominio da temática relixiosa foi absolu­to, sendo moi común o uso de iconografía simbó­lica ou alegórica. As historias do Antigo e do No­vo Testamento proporcionaron múltiples escenas nas que se inspiraban os artistas, reservándose, habitualmente, a imaxe do Cristo en Maxestade (Maiestas Domini) presidindo o Xuízo Final, e de María (Maiestas Mariae), para a decoración da ábsida do muro occidental e para a zona central dos frontais do altar.

En canto á representación formal e estilística, e con independencia do soporte pictórico utiliza­do, é posible atopar algunhas características xe­rais comúns á pintura románica:

a) Adaptación das figuras ao espazo e ao marco arquitectónico.

b) Ausencia de perspectiva e tendencia a crear fondos monocromáticos en lugar de paisaxes ou arquitecturas.

c) Horror vacui ("horror ao baleiro"), ou tenden­cia a encher ata o máis mínimo espazo compo­sitivo.

d) Perspectiva xerárquica, é dicir, representar a personaxe máis importante cun tamaño maior.

e) Tendencia á xeometrización e á simetría das formas.

f) Definición das formas mediante zonas de cor uniforme e delimitación dos contornos con tra­zos escuros.

g) Uso dunha ampla variedade cromática de to­nalidades intensas.

A pintura románica é lineal, cun claro predominio do debuxo. As cores son puras e vivas, buscando a harmonía cromática: amarelos aos que se opoñen os vermellos, azuis cos seus opostos os verdes; o negro contornea as figuras, e o branco dá brillo, pero non teñen relación coa natureza e esténdense de maneira uniforme por toda a superficie: os leóns son vermellos ou os touros son verdes.

Estilos pictóricos

Malia todas estas coincidencias, ao longo dos séculos XI e XII é posible diferenciar na pintura mural dúas liñas pictóricas distintas:

a) Estilo francorrománico: localízase sobre to­do no oeste de Francia (frescos da abadía de San Savin-sur-Gartempe) e en Castela (frescos do Panteón dos Reis de San Isidoro de León),onde chega a través das rutas de peregrina­ción. Posiblemente influenciada polo traballo miniaturístico, esta corrente amosa un maior naturalismo escénico, no que destacan o gusto polo detalle, a expresividade, o movemento e a espontaneidade, así como unha predilección polos fondos claros.

b) Estilo bizantino: as mostras principais deste estilo localízanse en Italia (frescos de Sant An­gelo in Formis) e en Cataluña (frescos de Sant Climent e Santa Maria de Taüll), zonas onde houbo un gran dinamismo pictórico. Esta tendencia presenta unha ausencia case total de efectos espaciais e volumétricos, polo contrario, a predilección polo hieratismo, a vontade de re­presentar as figuras de maneira frontal, o alon­gamento e estilización dos corpos, a grandiosi­dade compositiva e a obsesión pola simetría, coas que se consegue unha obra espiritual, so­lemne e monumental.

Frescos de Sant Angelo in Formis

Interior de Sant Climent de Taüll

Fresco de Sant Climent de Taüll (Pantocrátor)