Vocabulario

Segunda Revolución Industrial: proceso de transformacións económicas e sociais desenvolvido en Europa e os Estados Unidos de América, entre 1870 e 1914 e que sopoñen novos descubrimentos científicos e técnicos, novas fontes de enerxía e novas industrias (uso masivo da enerxía eléctrica, uso do petróleo e os seus derivados, as melloras no motor de combustión, o vidro, as fibras artificiais, o caucho, os fertilizantes químicos, o aluminio...) melloras extraordinarias nos transportes e nas comunicacións ( o automóbil, o avións, o teléfono, telégrafo, a radio...)e novas fórmulas de organización do traballo (cadeas de montaxe, concentración empresarial).

Librecambio: é a teoría económica que preconiza e defende a libre circulación, sen impostos e sen obstáculos, das mercadorías dun país ou Estado a outro. O Estado non debe intervir na vida económica do país. Considérase que a liberdade beneficia á competencia e que esta consegue que a produción mellore co menor custo posible. O autor da teoría do liberalismo económico foi Adam Smith.

Proteccionismo: é a teoría económica que pretende protexer a economía do Estado evitando a entrada de produtos estranxeiros. Foi o tipo de política económica que empezaron a aplicar as monarquías absolutas no século XVII. Aplicouse posteriormente en países con pouco desenvolvemento industrial, para evitar a competencia exterior.

Taylorismo: sistema de traballo ideado por Taylor que consiste en dividir o proceso de produción nunha serie de operacións, estudar o tempo necesario para levar a cabo cada unha delas e premiar ós que realicen o traballo no menor tempo. Foi o inicio das cadeas de montaxe e tamén, loxicamente, do traballo en cadea.

Concentración empresarial: é a unión de varias empresas. Se estas empresas traballan nun mesmo ramo produtivo chámase horizontal, se pola contra, agrupan a sociedades que realizan actividades complementarias a concentración é vertical.

Cartel : É o convenio entre varias empresas do mesmo sector que ten como fin evitar a mutua competencia, así como regular a produción, a venda e a fixación de prezos. O cartel tende a eliminar a competencia doutras empresas, creando unha especie de monopolio. Un exemplo de cartel constitúeo a OPEP (Organización de Países Exportadores de Petróleo), constituída en Bagdad en 1960.

Trust: fusión de empresas para impor os prezos de venda e a produción.

Holding: sociedade financeira que controla empresas pertencentes a sectores produtivos diversos mediante a adquisición da maioría das súas accións en Bolsa

Imperialismo: é a práctica pola que un Estado pon a outros pobos ou estados baixo a súa dependencia política ou económica e que no período de 1870 a 1914 acada a súa máxima expresión. En esta etapa histórica é cando as potencias europeas e os Estados Unidos e Xapón, con un elevado grado de industrialización, lanzáronse á conquista dos chamados espazos baleiros de poder, situados en África e Asia, creándose así os modernos imperios coloniais.