Documentos historiográficos

Balance do século XVIII

O longo século XVIII afunde as súas raíces na incerta España austracista de finais do Seiscentos e chegará con boa parte dos seus seculares problemas á conflitiva centuria posterior. Nun e outro momento, dúas dramáticas contendas, cun certo sinal de guerra civil, veñen balizar os inicios e os finais da centuria: A Guerra de Sucesión e a Guerra da Independencia.

A primeira achega a nova dinastía borbónica e unhas esperanzadas expectativas de fortalecemento da esgotada monarquía mediante a posta en marcha dunha serie de cambios na vida nacional. A segunda supón un baleiro de poder que favorece a quebra da monarquía absoluta e o principio do fin do Antigo Réxime, manifestado politicamente por primeira vez nas Cortes de Cádiz.

Entre ambos acontecementos, o feudalismo tardío español chega á súa máxima expresión desenvolvendo todas as súas forzas internas ata caer vítima das disfuncionalidades e contradicións a que conduciron os propios logros reformistas, o esgotamento da vella orde e a lenta ( e a miúdo dramática) configuración dun sistema social alternativo que nalgúns países de Europa estábase impondo: o capitalismo.

Neste empeño de espremer ao máximo ao antigo modelo sen necesidade de proceder necesariamente á súa substitución, participaron a maioría dos políticos e boa parte dos pensadores reformistas da centuria. O ánimo de todos eles centrouse nunha misión de difícil cumprimento: facer crecer a economía, renovar as diversas clases sociais, racionalizar a administración pública e remover a vida cultural sen tocar o sistema político nin alterar basicamente a estrutura social. E todo iso con dous obxectivos últimos: mellorar a vida material dos españois e promover a recuperación da Monarquía no concerto político internacional.

Roberto Fernández, “A España dos Borbóns. As reformas do século XVIII”,Col. Historia de España, vol. nº 18, Historia 16/Temas de Hoy, Madrid, 1996, p.6.

A configuración do Estado español

A comezos do século XVIII España terminou de configurarse como Estado grazas a dous feitos transcendentais e simultáneos: A Paz de Utrecht (1713) e a unidade administrativa, produto da abolición dos foros da Coroa de Aragón. Desde entón, España toma un contorno preciso, definido; o uso desta palabra, xa de uso común, faise oficial. España é o pentágono suroccidental europeo ( máis as súas prolongacións insulares e americanas). Flandes, Milán, Sicilia, Nápoles, Sardeña, quedan como mero recordo da época imperial, aínda que algúns destes países están aínda moi ligados por relacións materiais e afectivas.

O que España perdeu en extensión gañou en cohesión. Por suposto, a unificación político-administrativa non foi total: Navarra, que fora fiel a Felipe V, seguiu sendo un reino con institucións propias; respectouse a autonomía das provincias vascas, e Canarias tamén mantivo o seu réxime administrativo peculiar, cunha presión fiscal moi inferior á de Castela. Ata os países da Coroa aragonesa, a pesar de que a perda dos seus foros tivo carácter punitivo, conservaron non poucas institucións peculiares. A uniformidade absoluta non se impuxo ata o século XIX.

A convivencia nun mesmo espazo xeográfico, a solidariedade fronte ao exterior, o goce común do patrimonio americano, a vixencia dunha lexislación emanada dos centros reitores da Monarquía sobre as máis variadas materias eran axentes de unidade; máis en ningún caso podían borrar as profundas diferenzas que a Xeografía e a Historia habían impreso nas súas diferentes partes constitutivas. O medio físico, as tradicións, a estrutura social, os intereses adquiridos e outros moitos factores facían que os problemas de Galicia, de Cataluña, de Valencia ou de Andalucía tivesen aspectos distintos e requirisen solucións diversas. Os gobernantes da Ilustración, a pesar das súas tendencias renovadoras e racionalistas, eran conscientes desta realidade e tivérona en conta.

Antonio Domínguez Ortiz, “A Ilustración española”, Cuadernos de Historia 16, nº 44, Madrid, 1985, p.12