Monet: Impresión, sol nacente.

Catalogación

Título: Impresión, sol nacente

Autor: Claude Monet

Cronoloxía: 1872

Estilo: Impresionista

Técnica: óleo sobre lenzo

Tema: paisaxe

Localización: Musée Marmottan (París)

Temática

Impresión , sol nacente, amosa unha pacífica vista do porto de Le Havre, onde Monet pasou a súa mocidade. Nela recorre a un dos temas preferidos nesta época: a plasmación dos reflexos da luz sobre a auga. Pode apreciarse tamén o interese que suscita no pintor a vontade de querer captar a presenza e influencia da atmosfera na natureza. Iso fai, por exemplo, que apenas se poidan descernir con claridade as formas das embarcacións do fondo.

Esta obra,presentada na primeira exposición impresionista, en 1874, daríalle nome ao movemento tras as duras palabras que o crítico de arte Louis Leroy publicou na revista satírica Le Charivari, quen a partir do cadro de Monet titulou ironicamente a súa crítica "Exposición dos impresionistas", aludindo ao carácter pouco definido do cadro, chegando a afirmar que "o papel de parede en estado embrionario está máis coidado que esta pintura".

Análise formal

Sobre un fondo nebuloso no que, con dificultade, se adiviñan os grandes barcos mercantes cos seus mastros e as chemineas fumeantes das fábricas do porto, o sol, representado por unha pequena bóla laranxa, ábrese paso iluminando as tranquilas augas mariñas. Nelas, e achegándose oa espectador, navegan tres pequenas embarcacións a remo.

Neste cadro, Monet prescinde dos criterios convencionais de representación, polo que, obedecendo tan só as emocións suscitadas pola captación directa dos diferentes elementos naturais, abandona a practica académica de perfilar e detallar obxectos. Todo canto aparece sobre o lenzo é froito dun conxunto de pinceladas, brillantes e dinámicas, que só insinúan, dando con iso unha sorprendente sensación de bosquexo.

Cores. Domina o ton azul-cincento da tenue brétama co que pinto envolveu toda a obra. En paralelo, contrasta fortemente o laranxa do sol e o seu reflexo luminoso. A elección de ambas cores complementarias non foi causal, senón que corresponde ao coñecemento de Monet da lei do contraste simultáneo, descuberta en 1839 polo químico francés Eugène Chevreul. Segundo esta lei, a xustaposición de dúas tonalidades complementarias fai que a intensidade de ambas sexa maior, o que permite abandonar o tradicional sistema do claroscuro.

Modelos e influencias

A obra de Monet non pode entenderse sen a experiencia pictórica da Escola de Barbizon e a influencia da obra de William Turner. Dos primeiros, herdou a defensa que a mediados da década de 1840, fixo un grupo de paisaxistas franceses da pintura directa ao aire libre. Do artista inglés, cuxas pinturas puido estudar durante unha viaxe a Londres (1870- 1871), Monet recolleu o intento de representar nas súas teas a vaporosa sensación da atmosfera, algo que se convertería no eixe principal da súa obra.

Monet achegou á arte un claro elemento de ruptura respecto ao tradicional sistema perceptivo e representativo, e aínda que seguise a mostrar unha actitude eminentemente naturalista, a súa experimentación serviu de base para as posteriores revolucións postimpresionistas e vangardistas.

Lluvia, vapor e velocidade de William Turner (1844)

Escola de Barbizon

O carballo, Rousseau (1855)

As espigadoras de Millet (1857)