Do golpe de Estado á Guerra Civil

Coa proclamación da Segunda República, o 14 de abril de 1931, abríase en España un período democrático cuxos principios quedaban recollidos na nova constitución republicana. Contando cun amplo apoio popular, a República afrontou un ambicioso programa de reformas (o exército, a educación, o campo, as autonomías) que atopou fortes resistencias entre os militares, a Igrexa e a oligarquía. A vitoria electoral da Fronte Popular en febreiro de 1936 deu inicio a un período de radicalización política e axitación social. Neste clima produciuse, o 18 de xullo de 1936, o levantamento militar que os sublevados chamarían despois Alzamento Nacional. Empezaba a Guerra Civil Española.