A pintura

Durante o período gótico, a substitución da su­perficie mural das catedrais por amplas vidreiras supuxo unha enorme redución do espazo que o Románico lle concedía á pintura. Iso provocou o abandono progresivo da pintura mural ao fres­co -excepto en Italia-, xeneralizándose no seu lu­gar a pintura sobre táboa (retablos) e a pintura de vidreiras.

Paralelamente, tamén adquiriu un grande au­xe a miniatura, arte realizada ao principio exclu­sivamente nos mosteiros, pero pouco a pouco, e a raíz da gran demanda de textos ilustrados das universidades e das escolas catedralicias, a minia­tura pasou a producirse en obradoiros especializa­dos localizados nas cidades.

Os temas tratados pola pintura gótica foron basicamente relixiosos, cunha especial preferen­cia polas representacións da vida de Xesús e da Virxe María, así como polos episodios narrados nos Evanxeos Apócrifos e a haxiografía (vidas de santos). Gradual­mente foi introducíndose tamén na temática pro­fana, na que salientou o retrato. O retrato convértese nun xénero iconográfico sen perder o carácter relixioso: en compañía de santos, da Virxe ou de Cristo crucificado ocupan un posto igual a figura dos donantes. Gozan así de gloria non só entre os seus contemporáneos, senón para a posteridade ao ser retratados por grandes pintores. Tamén os gremios son clientes dos artistas máis notables, a quen encargan retablos para as súas capelas ou para as súas casas gremiais.

A pintura gótica caracterizouse, en liñas xerais, porque plasma un canon e unhas proporcións na­turais cargadas de grande expresividade facial e xestual nas figuras. Ademais, a captación da luz empezou a utilizarse para o modelado dos corpos, e o marco especial das composicións foise definin­do, cada vez máis, por medio de arquitecturas e paisaxes, que gañaron terreo ao atemporal fondo dourado das pinturas bizantinas ou románicas.

En canto á técnica, destaca o uso da pintura á témpera, e o fresco en Italia, así como a nova pintura ao óleo, xeneralizada a partir do século XV en Flandres.

Dous homes excepcionais foron capaces de romper o estreito marco da pin­tura gótica, superar a súa condición de artesáns e abandonar o anonimato propio do mundo medieval:

Retrato de Giotto, de P. Ucello. Museo do louvre, París

O italiano Giotto (1267-1326).

O flamengo Jan Van Eyck (1390-1441).

Ambos revolucionaron a pin­tura nas súas cidades empregando novas técnicas. Así, Giotto traballou na técnica do buon fresco e Van Eyck na do óleo. Ambos gozaron da admira­ción e o recoñecemento dos seus concidadáns polo seu labor.

Tanto Giotto como Van Eyck foron considerados verdadeiros artistas e non artesáns, tal e como se concibía os pintores nese momento. Para entender a importancia destes dous homes é necesario ter presente que a idea de ar­tista como persoa creativa e de fama recoñecida non existía durante o perí­odo medieval. Os escultores, vidreiros e pintores, fosen de miniaturas, de frescos ou sobre táboa, eran considerados artesáns que vivían afiliados a gre­mios, como o resto dos traballadores. Os escultores e os ourives entraban no gremio da seda, pois o seu traballo considerábase simplemente de ador­no ou produto de luxo. Os mestres de obra entraban nas filas do gremio dos albaneis e dos carpinteiros.

Porén, tanto Giotto como Van Eyck, Brazas ao seu traballo, conseguiron ser considerados como artistas e recoñecéuselles un lugar na sociedade bastan­te máis alto que o que se adoitaba recoñecer aos artesáns (desprezados con frecuencia por ter que traballar coas mans).

Entre os frescos de Giotto e os óleos de Van Eyck aprécianse considerables diferenzas que responden tanto a cuestións técnicas como de calidade no acabado das obras. Giotto e Van Eyck supuxeron un gran paso adiante tan­to no aspecto técnico da pintura, como na perfección acadada en cuestións de volume e representación das figuras dentro do espazo. Estes aspectos son os que propician que os historiadores da arte os consideren como os pre­cursores do renacemento. Por iso, tanto Giotto como Van Eyck e os seus seguidores son denominados primitivos italianos e primitivos flamengos, en clara alusión ao seu carácter de predecesores na tarefa de plasmación das perspectivas.

Un dos seguidores más significativos dos primitivos flamengos foi "O Bosco" (1450-1516)