Vocabulario

Aparello almofado: aquel muro de cantería no que os perpiaños presentan as xunturas biseladas ou refundidas de xeito que a súa parte frontal resulta en relevo.

Alto Renacemento

Composición triángular ou piramidal: é a organización das figuras representadas dentro dun perfil triángular ou piramidal, ocupando máis espazo na base que no vértice.

Escorzo: representación dunha figura ou obxecto en posición oblicua ou perpendicular ao nivel visual do espectador. A perspectiva reduce as dimensións lonxitudinal e transversal do representado para facelo comprensible a primeira vista, presentando a fronte da figura nun primeiro plano ampliado. Cando o escorzo é moi pronunciado chámase violento. Oponse á representación frontal.

Sfumato: técnica pictórica que consiste en deixar imprecisos ou esvaecidos os contormos das figuras representadas, conseguindo así efectos atmosféricos. As transicións entre as luces e as sombras resultan imperceptibles por efecto das gradacións. É un efecto vaporoso que se obtén pola superposición de varias capas de pintura moi delicadas, proporcionando á composición uns contornos

imprecisos, así como un aspecto de vaguedade e lonxanía. Este efecto utilízase para que os tonos se difuminen ata valores máis escuros e poida lograrse unha maior impresión de profundidade nas obras. A invención desta técnica, así como o seu nome, débense a Leonardo da Vinci.

Veladura: aplicación dunha cor moi diluída por riba de cores máis intensas xa secas que, ao velar o ton do pintado, achegan maior valor tonal e acadan un efecto de transparencia e luminosidade. Aplicada sobre a pintura ao óleo dos séculos XV -XVI como derradeira man.

Composición pechada: é a disposición dos elementos plásticos entorno a un eixe central. Así todos os elementos dirixense a un centro teórico do cadro (tamén cando se trata dun grupo escultórico);tamén podemos chamala composición centrípeta e normalmente inclúe a totolidade dos elementos.

Composición aberta: é a disposición dos elementos plásticos o escultóricos entorno a un eixo central ou lateral ou en función dun punto de fuga exterior. É dicir os elementos fuxen do centro teórico (composición centrífuga) e as veces os exclúe en parte da representación.

Candelieri: termo italiano para referirse a un motivo ornamental en forma de candelabro adornado con elementos vexetais (flores, froitas, vidras) bastante difundido no século XVI para decorar piares, bases e outros elementos arquitectónicos. Pode realizarse en pintura ou en baixorrelevo.

Claroscuro: distribución dos valores tonais da cor na organización dunha pintura. Non debe confundirse co contraste entre luz e sombra. Na representación pictórica clásica contribúe á creación do efecto ilusorio de de tridimensionalidade. Utilízase tamén para acadar efectos expresivos e dramáticos.

Cores complementarias: son as que están en oposición no círculo cromático dando a súa combinación a cor branca, sendo unha primaria e outra secundaria. Son: maxenta-verde; violeta-amarela; azul-laranxa. A mestura dunha destas coa súa complementaria dá un gris neutro.

Escultura exenta ou de vulto redondo: a que pode ser contemplada desde calquera punto de vista ao seu redor pois non está adosada a nada e está traballada por todos os lados. Tamén denominada exenta.

Grilanda: motivo ornamental a base de follas, flores e froitas, en xeral atados con barazas, colgados polos extremos e con forma cambada.

Grutesco: motivo ornamental pictórico ou escultórico que presenta, entrelazados, seres fantásticos, vexetais e animais formando un todo e dispostos en relación con un eixe simétrico. Distínguise dos arabescos, cos que se pode confundir, pola presenza de figuras. Característico do Renacemento italiano, difundiuse logo por outros países. No plateresco hispánico é un motivo recorrente.

Manierismo: é un estilo que leva ás súas últimas consecuencias as regras fixadas durante o Renacemento. Estilo que se inaugura en Italia a partir de 1520, supón a imitación do estilo dos grandes xenios do Alto Renacemento no campo da arquitectura, da escultura e da pintura. O manierismo difundirase por Europa especialmente nos anos centrais do século XVI, e chega a España da man da Contrarreforma da segunda metade deste século. Na arquitectura maniféstase pola evocación de modelos clásicos agora reutilizados con grande refinamento, como poida ser o caso das villas campestres lembrando ás antigas villas romanas, por parte de Palladio. Na escultura, o efecto de ingravidez, desequilibrio, o alongamento das figuras e multiplicación de escorzos únense á forte carga intelectual de moitas obras para significalo. O contraste cromático, o abandono das regras tradicionais da perspectiva científica, a luminosidade efectista e os cánones alongados, á beira dun cultivo de

temáticas alegóricas promovido por clientes estetas, son trazos propios da pintura manierista. En contextos como o español, a difusión da Contrarreforma influirá no predominio das imaxes relixiosas.

Neoplatonismo: xurde a finais do século XV, é unha doutrina filosófica que intenta conciliar a antigüidade clásica coa teoloxía cristiá. A influencia do neoplatonismo nos significados da arte do Quattrocento é significativa. Para Marsilio Ficino, impulsor da Academia Neoplatónica baixo o goberno de Lorenzo o Magnífico, se a luz era a manifestación de Deus na terra e Deus o "oculus infinitus" que ve todas as cousas, o ollo do home é o instrumento do oculus da alma e pode contemplar toda a creación, sendo a vista o instrumento de coñecemento. A idea da beleza terreal como reflexo dunha beleza superior, levará a considerar que o amor pola beleza corporal é o primeiro grao dun amor superior. Venus, que simboliza o poder do amor, sería a divinidade primeira dos neoplatónicos e iso explica a súa presenza nalgunhas das obras de artistas relacionados con esta academia ficiniana, como poida ser Botticelli.

Perspectiva: é a arte de debuxar obxectos tridimensionais, que teñen volume, nun plano, coa finalidade de recrear a profundidade e a posición relativa dos obxectos. A perspectiva simula a profundidade e permite representar os obxectos reducidos de dimensión segundo a proximidade ao espectador, tal e como os apreciamos a simple vista. No Renacemento, a perspectiva xéstase como disciplina matemática, para lograr maior realismo na pintura.

Perspectiva aérea: aquela que intenta representar a atmosfera que envolve os obxectos, debuxando os fondos máis esvaídos para producir a sensación de profundidade. Toma en consideración a gradación dos tons e a imprecisión das liñas producida pola intermediación da atmosfera. A perspectiva aérea utiliza a luz e as cores para amosar a percepción do espazo; soe construirse con punto de fuga elevado e as cores frías están no fondo do cadro para dar maior profundidade ás escenas.

Perspectiva lineal: aquela na que as figuras dispóñense ó longo de liñas imaxinarias ou reais -liñas de fuga-, que converxen nun punto de fuga e son cada vez máis pequenas a medida que se desexa presentalas máis lonxe do espectador.

Plástico: Arte de plasmar ou modelar obxectos en materiais brandos e dúctiles. Tamén se refire ás calidades dunha obra que a fan expresiva especialmente pola consecución de calidades formais.

Prateiresco é un estilo arquitectónico que abrangue as décadas iniciais do século XVI en España. Representa a primeira introdución dos elementos decorativos renacentistas de orixe italiana no territorio español. O uso de paramentos almofadillados, columnas abalaustradas, medallóns, grutescos e cresterías é propio deste estilo que se manifesta dun xeito moi significativo na fachada da Universidade de Salamanca.

Putti: Emprégase paradenominar os amoriños que dende o Renacemento teñen como modelo os antigos Eros. Poden confundirse como pequenos anxos.

Schiacciato: termo italiano para indicar o relevo plano ou achatado que aínda con profundidades mínimas, consegue efectos tridimensionais. Moi utilizado no Renacemento (ex., Donatello)