Van Eyck :O matrimonio Arnolfini

Título: O matrimonio Arnolfini.

Autor: Jan van Eyck (Maaseyck, 1390 -Bruxas, 1441).

Cronoloxía: 1434

Estilo: gótico flamengo.

Técnica: óleo sobre táboa. 0,82 x0,59 m.

Tema: escena costumista ou de xénero.

Localización: National Gallery (Londres)

O autor

Aínda que xa non se lle considera o inventor da pintura ao óleo, Jan van Eyck foi o pintor máis célebre da escola dos primitivos flamengos. Desco­ñecida a súa aprendizaxe, os primeiros datos que se teñen del son de 1422, cando entrou ao servizo do mecenas duque de Borgoña (Filipe o Bo) que vi­vía en Flandres. En 1425, Van Eyck foi nomeado

pintor de corte do duque de Borgoña, e baixo a súa protección desempeñou importantes misións diplomáticas nos reinos de Castela e Portugal, on­de pintou á infanta Isabel de Portugal. A partir de 1430, Van Eyck establécese finalmente na cidade de Bruxas, tendo unha grande influencia sobre a pintura flamenga posterior.

Descrición formal

Considerada a obra mestra de Van Eyck, representa a unha parella no interior dunha habitación. O espello que colga no fondo da parede marca o eixe de simetría da composición, en concordancia coa lámpada do teito e o can. O pintor fai confluir nel as dife­rentes liñas de fuga da perspectiva -remarcadas visualmente mediante as vigas do teito e as madeiras do chan-, que outorgan ao lenzo unha gran pro­fundidade.

Para subliñar esta tridimensionali­dade no espazo, o espello reflicte o que está fóra do campo pictórico, que coincide, pouco máis ou menos, coa imaxe que ao espectador do cadro lle vén a corresponder na realidade.

A meditada construción do espazo fai que o movemento escénico sexa ca­se nulo, mostrando unha imaxe ríxida, teatral e pouco espontánea. A iso ta­mén contribúe o predominio da liña sobre a cor, perfilando á perfección os contornos das figuras e os obxectos fa­cendo que estes adquiran unha solidez escultórica. Con todo, iso tamén lle permite plasmar a realidade ata o máis mínimo detalle, cunha escrupulo­sidade microscópica, grazas ao empre­go da técnica ao óleo aplicada con plu­miñas especialmente delgadas.

A luz penetra pola ventá suave­mente e, con grande exactitude rea­lista, ilumina de cheo á esposa e dei­xa na penumbra a parte esquerda do lenzo.

En canto ás cores, dominan a composición tres grandes manchas cromáticas: a verde do vestido, a vermella dos mobles e a marrón da túni­ca do mercador.

Temática

O cadro presenta un dobre retrato de corpo enteiro que corresponde a Giovanni Arnolfini, un comerciante italiano que residía en Bruxas, e a súa esposa Giovanna Cenami, filla de ou­tro mercador da mesma orixe.

O historiador da arte Erwin Pa­nofsky formulou numerosas teorías acerca dos significados ocultos desta obra, entendéndoa como un certifica­do matrimonial en formato visual. O cabaleiro colle a man da dama e, so­lemnemente, fai o voto nupcial er­guendo o antebrazo: fides levata. A candea prendida en pleno día e o feito de que ambos os dous estean descal­zos, reafirma o carácter sagrado da cerimonia.

Outros símbolos vinculados ao ma­trimonio son o can (fidelidade), a bor­la, a talla de Santa Margarida e o dra­gón, como protectora dos partos na cabeceira da cama (fecundidade), o espello sine macula -sen mancha- e o rosario que colga ao seu lado (pureza da Virxe).

As froitas sobre a mesa que hai de­baixo da ventá representan a froita da "árbore do Ben e do Mal", a árbore prohibida, a froita do pecado orixinal, que será redimido co matrimonio.

A súa sinatura -"Johannes van Eyck fuit hic" (Jan van Eyck estivo alí)-, situada enriba do espello, fai pensar que o propio artista participou do en­lace en calidade de testemuña.

Jan van Eyck recolleu o gusto polo detalle presente na arte da miniatura,unha técnica pictórica que tivo gran recoñecemento arredor de 1400 no norte de Francia, a través da intervención de numerosos artistas flamengos.

A influencia de Van Eyck foi moi ampla, e a súa depurada técnica realista foi aceptada como modelo en boa parte da pintura flamenga da segunda metade do século XV e do século XVI.

Ademais, tamén influíu, a través de Lluís Dalmau, na última etapa da pintura gótica e nos primeiros exemplos do Re­nacemento catalán do século XVI.

Algúns autores, apuntaron que a figura do can, que está en primei­ro plano e o espello no fondo re­flectindo ás personaxes, inspira­ron a Velázquez na realización das Meninas.