Ferrocarril e o mercado

Análise dos historiadores. Ferrocarrís e crecemento económico

A aparición do ferrocarril durante o primeiro tercio do século XIX supuxo un drástico cambio nas condicións de transporte de mercadorías e desprazamento de persoas dun lugar a outro. Reduciu os custos e aumentou as posi­bilidades de movemento, polo que contribuíu decisiva­mente ó artellamento do mercado interior.

A construción do groso da rede ferroviaria en España a partir de mediados de século foi obxecto dun intenso de­bate entre os historiadores económicos. Para uns, consti­tuíu unha oportunidade perdida no fomento da industriali­zación. Para outros, foi un elemento indispensable para o funcionamento do conxunto da economía.

Documento 1

No caso español, a alternativa non parece terse presentado entre ferrocarrís e industria (...) senón entre un sistema ferroviario e outro sistema ferroviario. A rede, na súa segunda fase polo menos (a que vai da lei do ano 1855 á crise do ano 1866) construíuse ás présas e sen o pensar moito porque o negocio estaba aí: en construíla. O futuro importaba pouco, xa que, con independencia dos resultados económicos da explotación, o enorme pararraios estatal (subvencións cuantiosas, impunidade para as compañías que non pagasen dividendos, autorizacións para converter a emisión de obrigas en bóla de neve) había de cubrir tódolos riscos (...)

Traído de fóra, construído con recursos foráneos e apoiado polas facilidades descritas, o modelo ferroviario aplicado a España houbo de se amosar, axiña, como inaxeitado ás necesidades indíxenas. (...) Dunha banda, a filosofía que o inspirou esixía uns niveis de produción e un grao de división do traballo que España distaba de ter acabado. (...) Doutra banda, o trazado da rede tivo pouco en conta as conveniencias da circulación interior (...)

Desde a súa orixe, o groso do tendido ferroviario estivo pensado como instrumento de colonización e de explotación, moito máis que como un instrumento de auténtico desenvolvemento. Un vicio do sistema de transportes hispano que xa non se podía corrixir, mais que tampouco pode abraiar, de considerarse as condicións e as presións baixo as cales foi xestada a lei xeral de xuño de 1855.

NADAL, J.: O fracaso da revolución industrial en España, 1814-1913, 1975.

Documento 2

Toda valoración da política económica dos anos da déca­da de 1850 debe presentar, como punto de partida, unha discusión sobre a decisión de construír unha rede férrea. Era realmente urxente na España de mediados do século XIX mellorar a calidade dos transportes internos? Non coido que existan demasiadas dúbidas sobre isto. (...) O transporte estrangulaba toda iniciativa e impedía o arte­llamento do mercado nacional, condición necesaria para acadar unha maior división do traballo e especialización rexional.

(...) se ben o ferrocarril se fixo de rogar, a súa chegada a España non defraudou porque non tiña competidores. A este respecto cómpre insistir sobre a oportunidade da ac­ción do Estado, non exenta, doutra banda, de imperfec­cións, e sobre o papel moi positivo que desempeñaron os investidores estranxeiros. Ó colocar os seus capitais en Es­paña, fixeron posible a chegada dunha tecnoloxía, da que carecía o país, que entrou ó servizo fundamentalmente dos españois e non ó servizo dos seus propios intereses, xa que os clientes principais do ferrocarril foron os usuarios do ferrocarril. (...)

Malia ser un dos grandes inventos técnicos do século XIX, o ferrocarril non conseguiu converterse na panacea capaz de eliminar os obstáculos que se interpoñían ante a moder­nización da economía española. España continuou atrasada con relación ás nacións máis industrializadas de Europa, mais, en calquera caso, semella claro que, de non ter con­tado co ferrocarril o seu atraso tería sido maior.

GÓMEZ MENDOZA, A.: Ferrocarril, industria e mercado na modernización de España, 1989.

Documento 3

Por que se tardou tanto en construír o ferrocarril nun país que tanto o necesitaba? A resposta é que se combinaron o círculo vicioso do subdesenvolvemento coa inepcia e maila inercia gobernamentais. (...)As cousas cambiaron coa chegada ó poder dos progesistas, que eran un partido a prol do desenvolvemento económico e da importación de capital. Os progresistas consideraban que o ferrocarril era unha parte esencial na modernización da economía española (fin que eles perseguían explicitamente) e para lograr a construción da rede estaban dispostos a investir tódolos recursos necesarios, fosen nacionais ou importados.

Agora ben, que o ferrocarril fose indispensable non quere dicir que houbese que pagar por el calquera prezo nin que se houbese de construír a calquera ritmo nin de calquera maneira. A rede ferroviaria española comezou a construíse demasiado tarde e despois, no decenio 1856-66, emprendeuse con excesiva precipitación. As consecuencias de tal prema de tempo foron unha planificación deficiente, un financiamento inaxeitado e un trazado especulativo que deron como consecuencia unha infraestrutura física e unha estrutura empresarial febles.

(...)

Á velocidade da construción sacrificáronse moitas cousas; e cando as grandes liñas troncais comezaron a estar rematadas, a partir do ano 1864, comprobouse que as expectativas de beneficios da explotación quedaban defraudadas: os ingresos non afondaban nin para cubrir os gastos, e menos aínda para poder restituír os capitais investidos.

TORTELLA, G.: "O desenvolvemento da España contemporánea". En Historia económica dos séculos XIX e XX, 1994.