Socialismo científico

Teoría marxista

Marx elaborou unha teoría revolucionaria para cambiar a sociedade impulsando aos traballadores á conquista do poder para establecer a sociedade comunista. A teoría da loita de clases serve para xustificar esa acción revolucionaria do proletariado, porque para Marx e Engels a loita de tipo económico (mellora das condicións laborais...) debe transformarse en loita política cando o proletariado asuma que unicamente poderá modificar a súa situación conquistando o Estado, que é o órgano da clase dominante.

A loita revolucionaria do proletariado tería dúas fases

1ª Só unha revolución social violenta que destruíse o Estado burgués podía facer posible a aparición dunha sociedade comunista sen opresión. Para poder enfrontarse con éxito ó poder da burguesía, o proletariado debe organizarse nun partido político independente dos partidos burgueses, dirixido polos comunistas (a vangarda máis consciente do proletariado) que se propoña conquistar o Estado e non se limite á loita por melloras económicas. Cando a burguesía -que é unha pequena capa da sociedade- sexa vencida, o proletariado -a maioría da sociedade- deberá exercer o poder transitoriamente de modo ditatorial para impedir a contrarrevolución.

A esta fase chámalle le Marx a ditadura do proletariado.

2ª O capitalismo crea, en opinión de Marx e Engels, inevitablemente as forzas que causarán a súa destrución. A clase obreira, cada vez máis numerosa, e que está dominada económica e politicamente, acabará por destruír a orde da burguesía por medio dunha revolución. Despois dunha fase transitoria de ditadura do proletariado, establecerá a auténtica democracia, a sociedade comunista na que xa non existirá opresión porque toda a propiedade privada terá desaparecido, e cada persoa aportará á comunidade segundo as súas posibilidades e recibirá da sociedade segundo as súas necesidades.