4. As revolucións liberais (1820-1848)

As revolucións burguesas ‎(1820-1848)‎

As revolucións de 1820

A onda revolucionaria que percorreu Europa en 1820 afectou fundamentalmente ao área mediterránea, máis concretamente a España, Nápoles e Grecia. Nos dous primeiros estados fracasou a implantación de sendas monarquías liberal-constitucionais debido á intervención dos veciños estados absolutistas.

En Grecia a revolución, que perseguía a independencia respecto ao Imperio Turco, foi apoiada por Gran Bretaña, Rusia e Francia. Tras unha longa guerra que durou case unha década e que concluíu en 1829, Turquía recoñeceu a independencia do novo Estado.

En América independizáronse as colonias de España e Portugal, resultando diso o nacemento de diversas repúblicas.

As revolucións de 1830

Tiveron maior relevancia e transcendencia que as de 1820. Nelas mesturáronse reivindicacións de carácter nacionalista (Bélxica, Polonia, Italia e Alemaña) con intereses de grupos minoritarios burgueses e obreiros.

O epicentro destes movementos, do mesmo xeito que en 1789, foi Francia.

Gran parte destas insurreccións estiveron auspiciadas por minorías agrupadas en asociacións secretas, con conexións internacionais de forte presenza na oficialidade do exército. O seu obxectivo era realizar unha "revolución universal contra a tiranía". De entre esas asociacións destacaron a dos masóns e os seus herdeiros máis activos, os carbonarios.

A revolución en Francia

Carlos X de Borbón (sucesor de Luís XVIII) restablecera o absolutismo monárquico. Tras as revoltas de 1830 viuse obrigado a abdicar na figura de Luís Felipe de Orleans (1830-1848) quen instaurou un réxime político liberal de signo doutrinario (moderado) con sufraxio censatario.

Bélxica

Logrou independizarse dos Países Baixos (Holanda) á que fora unida en 1815 como "Estado-Tapón". Formou un novo estado baseado nunha monarquía constitucional representada por Leopoldo I.

España

Pasou dun réxime político absolutista a un réxime liberal, iniciándose un período de guerras civís entre liberais e absolutistas (Guerras Carlistas).

Polonia, Alemaña e Italia

Nestes países as revolucións non tiveron éxito, foron esmagadas polos réximes absolutistas de Rusia, Prusia e Austria. A maioría dos liberais e nacionalistas polacos, italianos e alemáns houberon de exiliarse a outros países, fundamentalmente a Gran Bretaña e Francia.

As revolucións de 1848

A onda revolucionaria de 1848 iniciouse (do mesmo xeito que a de 1830) en Francia e estendeuse a continuación por gran parte de Europa. É coñecida co nome de "primavera dos pobos".

As súas causas foron:

· A crise económica desatada en Francia en 1847 como consecuencia dunha serie de malas colleitas, en especial a de patacas, alimento básico para as clases populares. A crise agraria influíu nos sectores industrial e financeiro, levando ao paro a moitos obreiros.

· A negación de dereitos e liberdades a importantes sectores da sociedade francesa: a monarquía de Luís Felipe de Orleans só satisfacía os intereses da alta burguesía, en tanto que a pequena burguesía como o proletariado quedaban política e economicamente desatendidos.

Hai que distinguir entre os sucesos de Francia e o resto de Europa:

Francia

En febreiro a insurrección, protagonizada por sectores pequeno-burgueses, obreiros e estudantes forzou a abdicación de Luís Felipe e a proclamación da IIª República baixo un réxime de acusado matiz social que implementou as seguintes medidas: sufraxio universal masculino (fronte ao censatario), liberdade de prensa, liberdade de asociación e dereito ao traballo.

O goberno provisional contou por primeira vez con membros socialistas (Louis Blanc) que implantou a xornada laboral de 10 horas. Ademais, co fin de mitigar o paro obreiro (máis de 100.000 desempregados só no distrito de París) foron creados os Talleres Nacionais, impulsados desde o Estado, aínda que constituíron un fracaso e foron clausurados tras poucos meses de funcionamento.

En xuño a revolución radicalizouse e a pequena burguesía que había estado ao lado das clases obreiras aliouse coa alta burguesía. A loita contra o absolutismo transformouse nunha loita interclasista entre burgueses e obreiros que se saldou cunha forte represión (máis de 1.500 executados).

Tras a aprobación da Constitución foi nomeado presidente da República Luís Napoleón Bonaparte, sobriño de Napoleón, quen en 1852 proclamouse emperador co nome de Napoleón III, dando ao traste coa maior parte das reivindicacións revolucionarias e inaugurando o Segundo Imperio francés.

O resto de Europa

Imperio Austríaco

Produciuse a caída e fuxida de Metternich e o emperador Fernando I houbo de aceptar a formación dunha Asemblea Constituínte. As reivindicacións nacionalistas uníronse ás liberais, especialmente en Hungría e Chequia, que lograron certa autonomía dentro do Imperio.

Alemaña

A revolución en Alemaña tamén tivo unha marcado signo nacionalista. Federico Guillermo IV de Prusia houbo de aceptar unha Constitución de base censataria.

Italia

A revolta estivo cargada de significado nacionalista e serviu (a pesar do seu fracaso) de punto de partida no proceso de unificación.

En Nápoles implantouse unha monarquía constitucional que substituíu ao absolutismo; nos Estados Pontificios a sublevación fixo fuxir ao Papa e constituír unha república; o reino de Lombardía-Véneto sublevouse contra os austríacos e no reino do Piamonte creouse unha monarquía constitucional que se converteu no motor da unidade italiana.

Balance das revolucións de1848

Aínda que as revolucións de 1848 fracasaron, a súa experiencia influíu poderosamente nas ideoloxías obreiras do século XIX.

Socialmente

Os distintos grupos que se uniron nos inicios da revolución afastáronse logo ao defender distintos obxectivos:

  • Unha boa parte da pequena burguesía, medorenta dunha revolución social, abandonou a súa alianza co proletariado e uniuse á gran burguesía, aínda que ao longo do século XIX as diferenzas entre ambas foron ben patentes e materializáronse nas loitas políticas entre moderados e radicais.

  • O proletariado comezou a adquirir conciencia de clase e, aínda que actuou desorganizadamente, constituíse como un movemento autónomo desgaxado dos intereses burgueses.

  • Os campesiños, unha vez conseguida a súa liberación do réxime señorial, conducíronse de forma moi moderada e o seu obxectivo no futuro sería preservar as conquistas conseguidas.

Politicamente

A pesar dese aparente fracaso, os feitos acontecidos en 1848 supuxeron o inicio dunha progresiva democratización (sufraxio universal) e a incorporación á loita política da clase traballadora.

VOLTAR