Escultura

A escultura románica estivo intimamente li­gada á arquitectura. Coa intención non só de de­corar, senón tamén de adoutrinar a gran parte da poboación analfabeta incapaz de ler a Biblia, o re­cinto eclesial e monacal transformouse nunha es­pecie de libro de imaxes, no que portadas e chapi­teis se converteron en excelentes soportes escultóricos.

Aínda que as temáticas, extraídas do Antigo e Novo Testamento e das vidas de santos, eran de carácter relixioso, tamén se esculpiron animais fantásticos ou escenas da vida cotiá, sen esque­cer os motivos florais, vexetais e xeométricos de carácter puramente decorativo.

Esta temática profana realizouse, sobre todo, na decoración dos chapiteis dos claustros e dos interiores de igrexas, lugares nos que os esculto­res gozaron dunha maior liberdade creativa.

Formalmente, neste tipo de escultura poden distinguirse as seguintes características:

a) Figuras hieráticas, ríxidas e inexpresivas.

b) Falta de perspectiva e ausencia de fondos ar­quitectónicos ou paisaxísticos.

c) Adaptación das personaxes ao marco arquitec­tónico.

d) Tendencia a encher todo o espazo compositivo, efecto coñecido co nome de horror vacui ("medo ao baleiro").

e) Uso da perspectiva xerárquica (a maior impor­tancia da personaxe, maior tamaño).

f) Tendencia a xeometrización e simetría das formas.

g) Uso da policromía (hoxe perdida case na súa totalidade.

Santa Fe de Conques

Conxunto escultórico do claustro de Santo Domingo de Silos

Claustro de Sant Cugat del Vallés

Colexiata de Santa María a Real do Sar.

Nas portadas das catedrais e igrexas, destaca o tímpano como núcleo escultórico clave, repre­sentándose nel a Teofanía ou Cristo en Maxestade (Maiestas Domini), acompañado polo tetramorfo (símbolo dos catro evanxelistas). Rodeando este espazo, as arquivoltas, as xambas, o lintel, e o mainel ou parteluz foron decorados con numero­sos relevos xeométricos ou figurativos de tipo es­tritamente relixioso ou simbólico, como por exemplo os vinte e catro anciáns da Apocalipse. No parteluz, en moitas ocasións, sitúase a imaxe da Virxe.

Destacan as portadas das catedrais francesas de Moissac, Vezelay, Arles e Autum, a de Santa María a Real de Sangüesa en Navarra e a portada de Ripoll en Cataluña.

Portada da catedral de Moissac

Portada da catedral de Arles

Portada de Santa María a Real de Sangüesa

Monasterio de Ripoll

Ten un magnífico conxunto de relevos en faixas: no alto Xesús, o tetramorfo e anciáns da apocalipse; debaixo, escenas bíblicas, personaxes baixo arcos, animais, pecados capitais e o inferno.

As esculturas devocionais

Están realizadas en madeira. Ri­camente policromadas, estas tallas poden dife­renciarse en tres grandes temáticas

a) A representación de María como Sedes Sapien­tae (Trono da Sabedoría), é dicir, a imaxe da Virxe con Xesús neno sentado no seu colo.

b) A Crucifixión, temática na que se diferencian o Cristo triunfante (divino) e o Cristo sufrinte (humano). Cando a imaxe de Cristo na cruz está vestida, denomínase Maxestade. Un dos mellores exemplos é a denominada Majestat Batlló.

c)O descendemento da cruz, grupo escultórico no que poden aparecer tamén os dous ladróns, e que habitualmente se colocaba nunha capeta próxima á porta de entrada.

Aínda que existen poucas mostras, cómpre destacar a escultura en marfil, cuxo exemplo máis destacado é o Crucifixo de don Fernando e dona Sancha. Son tamén notables os relevos en bronce das portas de San Zenón en Verona, os re­levos de prata dourada da arca onde se gardan as reliquias de San Isidoro, así como a riqueza do frontal de Silos, obrado en cobre dourado, es­malte champleveé (baleirado) e xemas.

Portas de San Zenón

Arca das reliquias de San Isidoro