Vocabulario

    • Revolución industrial: proceso histórico desenvolvido a partir de mediados do século XVIII en Gran Bretaña que supuxo o paso dunha economía agraria (a do Antigo Réxime) a outra baseada na industria (a economía capitalista). Este proceso histórico estivo impulsado pola aplicación de novas técnicas, os descubrimentos científicos e unha nova forma de pensamento que foi o liberalismo económico.

    • Liberalismo económico: doutrina segundo a cal a actividade económica réxese por unhas leis naturais que hai que deixar actuar:liberdade individual, de empresa, de intercambios, etc. O liberalismo económico oponse á intervención do Estado na economía. Foi formulado teoricamente por Adam Smith.

    • Capitalismo: sistema económico e social caracterizado pola posesión privada do capital e dos medios de produción,a liberdade de empresa e a liberdade de intercambios, sen intervención do Estado. A propiedade marca a diferenza cos sectores sociais que só poden ofrecer no mercado a súa forza de traballo a cambio dun salario.

    • Sociedade de clases: organización da sociedade a partir do inicio da Revolución industrial, segundo a cal os grupos sociais son diferenciados polas súas condicións e nivel de vida. Diferéncianse tamén pola súa diferente posición económica e política e, na definición orixinal, pola súa relación co novo sistema económico capitalista como propietarios dos medios de produción (burguesía) ou como propietarios da forza de traballo (proletariado).

    • Burguesía:grupo social que xorde coa Revolución industrial, e que é o posuidor dos medios de produción (terra, capital, empresas e fábricas). Esta burguesía (comercial, industrial, financeira, agraria, etc) ascende no poder político, e ten uns intereses propios enfrontados á antiga aristocracia e ás novas clases traballadoras.

    • Proletariado: grupo social que agrupa ao conxunto de persoas que carecen de propiedade e dependen para a súa subsistencia da súa capacidade para obter un salario a cambio dun traballo. O proletariado, clase obreira ou clase traballadora xorde no seo da sociedade industrial capitalista e vaise dotando dunha conciencia de clase que orienta os seus comportamentos políticos e sociais.

    • Proteccionismo: teoría económica dirixida a protexer unha economía nacional da competencia estranxeira. Aplícase elevando os aranceis aduaneiros dos produtos estranxeiros, e facilitando as exportacións fronte ás importacións.

    • Librecambio: teoría económica que defende o intercambio libre de produtos, sen as restricións que significan os dereitos impostos polo Goberno. É o contrario do proteccionismo e sostén que a eliminación dos aranceis e os monopolios protectores permite a competencia natural entre países e produce considerables beneficios para o comercio e a economía mundiais. Este principio foi propugnado por Adam Smith na súa "Riqueza das nacións (1776) e converteuse en práctica habitual en Gran Bretaña a partir do século XIX.

VOLTAR