Características xerais

Desde unha perspectiva ideolóxica, o Renacemento supón unha recuperación da Antigüidade e a desaparición do medieval pola influencia cul­tural de Roma. Neste sentido influíu de xeito de­cisivo o Humanismo, unha corrente ideolóxica, filosófica e cultural que se impuxo entre os inte­lectuais e escritores da época, sendo unha das súas características máis importantes a valora­ción da arte clásica da antiga Grecia e Roma.

Desde un punto de vista formal e compositivo houbo unha renovación dos sistemas de repre­sentación: aplicación da perspectiva artificial nas representacións plásticas, utilización dos módu­los, transformación dos espazos arquitectónicos en función do ser humano, e todo iso deu lugar a unha nova concepción do mundo: o antropocen­trismo, é dicir, o home como centro e medida de todas as cousas.

A plástica fixouse nos modelos da arquitectura das ruínas e nos relevos de arcos e columnas conmemorativos. A aparición dos Dez libros de Arquitectura de Vitrubio e a teorización de Alber­ti nos seus tres tratados (A pintura, A escultura e A arquitectura) foron fundamentais para a asimi­lación do novo estilo renacentista.

Desde unha perspectiva social pode afirmarse que se pasou do artista artesán á figura do artis­ta creador e responsable absoluto da súa obra.

Aínda que estes principios continúan vixentes ao longo do século XVI, xunto a eles aparecerá unha arte que producirá a ruptura dos canons formais e buscará novos modos de expresión for­mal e conceptual: o Manierismo.

O termo manierismo foi acuñado no século XX para diferenciar o período da arte europea (1520 -­1600) entre o Renacemento e o Barroco. A súa orixe está nas últimas obras escultóricas de Mi­chelangelo e dos seus discípulos. A grandes tra­zos, este movemento caracterizouse pola distor­sión das figuras, a creación de espazos irreais e a utilización de cores moi claras ou moi vivas.

Os temas do Manierismo son preferentemente fantásticos ou esotéricos, así como tamén eróticos e cortesáns. A plástica e a arquitectura vólvense caprichosas, estrañas e conceptualmente de dificil comprensión. O seu público é a aristocracia que busca obras nas que destaque a elegancia formal, o virtuosismo na execución e a busca dunha beleza artificiosa. Trá­tase, en definitiva, dunha arte frívola, refinada, lu­xosa, teatral, ampulosa, decadente e sensual.

Giulio Romano: Os banquetes do Olimpo (1532), Palacio do Té

Benvenuto Cellini: Saleiro (1543).

Ourivaría de ouro con Poseidón e Anfitrite.

Giuseppe Arcimboldo: Alegoría da Primavera (1573)

Esta pintura, que exalta a cor, pertence ao grupo das súas alegorías nas que creaba figuras ou retratos case surrealistas con froitas, verduras ou flores,

.

Il Parmigianino: Virxe do pescozo longo (1535), Galleria degli Uffizi, Florencia.

Nesta pintura, unhas personaxes cuxos corpos se alongan esaxeradamente, violentando mesmo a naturez real, como se aprecia no pescozo da Virxe.