O cubismo e Picasso

1966

1972

1972

1972

Pintor, escultor, gravador e ceramista, Pablo Picasso foi moi precoz na aprendizaxe da arte pictórica, dominando a técnica académica cando aínda era un neno. Entre os anos 1900 e 1904 viviu alternativamente en Barcelona e París, onde recibiu un gran número de influencias, apreciables es­pecialmente na súa chamada época azul. Afincado na capital francesa, a cor rosa pasou a dominar as súas composicións -época rosa- ata que a partir de 1907 e influenciado por Cé­zanne e a arte primitiva iniciou o camiño cubista con As señoritas de Aviñón. Es­te estilo dominou a súa obra ata 1925, cando empezou a crear obras dunha forte expresividade. Ambos estilos foron mesturados por Picasso nos seus centenares de obras, tanto pictóricas como escultóricas, entre as que sobresae Guernica.

Acabada a Segunda Guerra Mundial, Picasso instalouse en Vallauris, unha loca­lidade da costa sur do Mediterráneo francés, na que o pintor malagueño iniciou unha das súas etapas máis fecundas e creativas da súa traxectoria artística. Isto coincidiu cunha etapa persoal moi positiva, que trasladou aos seus lenzos con te­máticas que reflectían a súa alegría por vivir. Non obstante, Picasso non abando­nou a súa implicación ideolóxica e, afiliado ao Partido Comunista Francés, utilizou a miúdo a súa arte como elemento de propaganda e instrumento contra a guerra.

Tamén nesta última etapa, fixo particulares versións de obras de grandes artis­tas do pasado como Delacroix, Monet e, sobre todo, Velázquez.

Picasso é clasificado como cubista e pai do cubsmo, xunto con Braque, pese a que a súa obra foi moi variada.

O Cubismo é unha das primeiras vangardas nacida en Francia nos primeiros anos do século XX e encabezado por Picasso, Braque e Gris. Reclaman unha pintura plana, bidimensional, definida polas formas e non pola cor, oposta ás técnicas tradicionais de perspectiva e claroscuro.

Representa unha verdadeira revolución plástica que destrúe os principios tradicionais a prol dunha nova concepción da obra de arte, superadora da luminosidade impresionista, do cromatismo fauvista e das esaxeracións expresionistas. No fondo están as investigacións de Cézanne sobre o volume, a redución da cor e a supremacía da forma.

O Cubismo parte de presentar ó mesmo tempo os diferentes aspectos dun obxecto , conformando unha xustaposición de imaxes das súas formas máis características (exemplo, dun violín, amosarán todas as súas partes pero desde o punto de vista que resulte máis significativo: as cordas vistas de fronte pero a espiral vista de lado, porque representadas á inversa non serían significativas) . Había un límite neste proceder: había que elixir temas sempre coñecidos (instrumentos musicais, sombreiros, floreiros) para que o espectador puidera relacionar os fragmentos da imaxe cos que elaborar a idea do obxecto sólido. A arte non é máis que invención intelectual, non a recreación dunha realidade, ou dito doutro xeito: a finalidade da pintura é construír non copiar.

Continua a ser arte figurativa que non plasma o obxecto senón a imaxe resultante da análise de como sabemos que son as cousas e non como as vemos. Con esta visión absoluta e simultánea, ofrece ó mesmo tempo as formas desde varios puntos de vista (o que na realidade é imposible), incluíndo tamén a representación do movemento no espazo, a cuarta dimensión (o tempo), o propio espazo e as partes ocultas dos obxectos. Todo se funde nunha superposición indiferenciada de planos, se ben tenden a marcar o espazo por medio de liñas diagonais de profundidade e o volume por liñas curvas.

Non hai verdadeira temática, buscan o que permita ensaiar as súas teorías, como todo tipo de obxectos (violíns, guitarras, pipas, sombreiros, vasos ... ) e máis adiante inclúen letras e cifras.

Introducen novas técnicas : colaxe e o papel pegado (papier collé).

Sendo estes os trazos básicos hai que diferenciar sen embargo dúas fases cubistas: o Cubismo analítico e o Cubismo sintético.

O primeiro descompón en planos, tomados desde distintos puntos de vista, os volumes dun obxecto para que a mente capte a totalidade. En principio por medio de formas xeométricas -estruturas cúbicas- que converten a obra nunha trama reticular de liñas planas sobre un fondo case monocromo. É como ver a través dun vidro tallado en facetas de cores escuras separadas por liñas de trazo negro. Constitúe a base da abstracción xeométrica.

O segundo reconstrúe a forma de xeito lexible por medio de diferentes materiais conformando colaxes de linóleo, papel, area,... As formas aínda que fragmentadas son máis amplas o mesmo que as manchas de cor delimitadas por fortes trazos, a liña é a que define a forma.

Fonte: Polos vieros da arte