Arte e sociedade

Parece indubidable que as obras de arte (monumentos, relevos, frescos, retablos, retratos...) non son só a expresión dun artista individual senón que reflicten tamén moitos aspectos dunha época, dunha sociedade, ou polo menos dun grupo social ou dunha institución. De todos os xeitos a época ou a sociedade non explican por si soas como poden xurdir no seu seo figuras mediocres á beira dun artista xenial.

Habemos de recoñecer que quen ten a última palabra é o xenio individual do artista, pero a penúltima pode estar ditada por aqueles que teñen o poder ou o diñeiro. O artista é libre, pero un conxunto de elementos alleos a el inflúen sobre os seus desexos: encargos, gustos dos clientes, obras doutros artistas contemporáneos e ata as circunstancias excepcionais que se poden dar na súa vida (por exemplo, as guerras, que alteran os valores colectivos e os que inspiran a obra dos artistas). As ideas e os valores que nutren a creación non aparecen por xeración espontánea dentro do alma do artista senón que se desenvolven na educación e as vivencias sociais.

Representacións de Adán e Eva nunha táboa gótica de principios do século XV (arriba) e nunha obra de TIZIANO, século XVI (abaixo). Do mesmo xeito que as ideas relixiosas e políticas, a estrutura social e as súas circunstancias históricas deciden un modo ou outro de expresar a arte.

Na Baixa Idade Media a pegada do "pecado orixinal" aínda estaba presente no pensamento do home e nas súas relacións coa Igrexa e coa sociedade. Adán e Eva aparecen na táboa gótica apesadumbrados e os seus espidos son indiferenciados sexualmente. Con todo no Renacemento os personaxes están humanizados e representados no mesmo momento de pecar, sen a menor preocupación, exhibindo o corpo espido con absoluta naturalidade, como obras perfectas da Creación.