Cúpula de San Pedro do Vaticano

Catalogación

Título: Cúpula de San Pedro do Vaticano Autor: Miguel Anxo

Cronoloxía: segunda metade do século XVI

Estilo: Renacemento (Cinquecento)

Tipoloxía: arquitectura relixiosa (igrexa)

Materias: ladrillo disposto a espiña de pez, técnica romana, cachotería no núcleo, mármore nos tambores e recubrimento de chumbo na cúpula en si.

Localización: Cidade do Vaticano, Roma.

Xulio II decidiu a comezos do século substituír á basílica paleocristiá de tempos de Constantino por unha igrexa acorde á importancia do lugar, sobre a tumba de San Pedro, e cunha monumentalidade digna da sé do pontificado e centro da cristiandade.

O proxecto inicial de Bramante abandonaba a planta de cruz latina, asociada simbolicamente á Paixón de Cristo, preferindo unha planta centralizada de cruz grega inscrita nun cadrado cunha grande cúpula no centro, ábsidas semicirculares nos catro brazos. A significación era distinto: o firmamento simbolizado pola cúpula, acolle a asemblea de cristiáns, a ecclesia.

León X pasa a dirección das obras a Rafael quen adaptou o proxecto a unha planta de cruz latina de tres naves se ben co amplo cruceiro e o deambulatorio en torno da cofessio, pretende conciliar o plan lonxitudinal coa proposta centralizada de Bramante.

Os sucesores de Rafael tras da súa temperán morte, como Sangallo, non lograron dar forma definitiva á basílica, e as obras estiveron paralizadas ata que Paulo III no 1546 encomenda a obra a Miguel Anxo.

Este recupera na súa pureza a idea primixenia de Bramante e respecta plenamente a planta centralizada. Suprime moitas das torres e das columnas exteriores do proxecto de Sangallo porque consideraba que rompían a simplicidade clásica. Mantense polo tanto a planta en forma de cruz grega, se ben agora abre unha soa entrada principal, e non unha en cada brazo como ideara Bramante, e coloca no centro da mesma catro enormes piares oitavados que servisen de soporte a unha cúpula aínda meirande cá ideada por Bramante

A cúpula inspirase na de Brunelleschi da Catedral de Florencia, como aquela consta de dobre casco, lixeiramente apuntada no exterior e semiesférica no interior apoiada sobre pechinas e sostida sobre 16 nervos.

O enorme diámetro de 42 m require para o seu sostén ademais dos catro enormes piares oitavados catro cúpulas menores detrás dos piares, tal como se concibira na arte bizantina en Santa Sofía de Constantinopla.

No exterior, o seu carácter monumental ven realzado polo tambor sobre o que se asenta. Un tambor de columnas pareadas, destacadas do plano do muro e quebrando o entaboamento, adosadas a grosas pilastras, e fiestras rectangulares que alternan frontóns triangulares e curvos.

Sobre o tambor elévase un sobrecorpo ou segundo tambor de menor tamaño, con decoración de grilandas rompendo coa austeridade ornamental clasicista, e sobre este a cúpula en si, apuntada, de nervios de mármore moi destacados que parten das pilastras, e vibrantes por isto nos seus xogos de luz e sombra.

Para romper a monotonía da cubrición abre ventanais en tres franxas horizontais. Remata no alto unha lanterna aberta á luz, tamén entre pares de columnas.

Toda esta plasticidade de entrantes e saíntes, o xogo de masas, as tensións e rupturas, a forza expresiva escultórica responde a unha linguaxe claramente manierista que é consubstancial ó seu autor nesta época.

Para saber máis: polos vieros da arte