Arquitectura e urbanismo

A arquitectura é o campo onde Roma deixou un maior legado de obras. Por un lado, as súas conquistas en lugares afastados e coa base de aldeas, levouna a construir cidades e impoñer a súa cultura urbana. Por outro lado a súa mentalidade práctica romana conseguiu que as súas cidades fosen deseñadas segundo un modelo urbano preestablecido.

Características técnicas

No centro sitúase o foro, ao seu redor, os edificios e servizos públicos e os templos. Os edificios perden así o seu carácter independente para inserirse nun conxunto máis amplo.

As cidades se organizaban arredor das vías principais, a vía cardo e a vía decumana, que cruzaban perpendicularmente o espazo urbano e que permitían, en caso de perigo, que as tropas atravesasen a cidade en breve tempo.

A cidade tamén debía cumprir un papel civilizador: debía contar con escolas, con termas e baños públicos, con teatros, anfiteatros e circos e con sumidoiros e acuedutos.

Roma coidaba meticulosamente a distribución interna dos edificios -distribución que permitía a presenza de grandes grupos de xente no seu interior-, pero tamén se preocupaba da situación dos inmobles dentro do esquema urbano, polo que dotou as súas cidades dun mellor aproveitamento espacial e sentou as bases do urbanismo moderno.

Dous sistemas construtivos: alintelado e abovedado. O sistema abovedado empregábase naquelas construcións que acollían gran volume de persoas no seu interior. Pola contra, o lintel mantíñase naqueles edificios que non requirían un espazo tan amplo.

O sistema abovebado baséase no esquema de arco (de medio punto) e na forma en que este descarga o seu peso. Empregan para a súa construción o ladrillo e a argamasa (mestura de area, cal e auga).

Ao aplicar o sistema alintelado, empregaron as ordes gregas, adapatándoas as necesidades do edificio, co que rompían coa idea de proporción grega. Crearon, así mesmo, dúas ordes novas a orde toscana e a orde composta. A toscana é unha orde dórica con base. A orde composta é unha mestura dos capiteis xónico e corintio gregos. Sobre as follas de acanto superpuxeron o capital de volutas.

Os materiais empregados non soamente foron pedras de cantaría, xa que o perpiaño é difícil de manexar e moi pesado para as cubertas abovedadas. Nestes casos Roma usou materiais menos pesados, como o ladrillo e argamasa. Utilizaron gran cantidade de ladrillos, que utilizaban segundo o tipo de construción: para cada necesidade, un tipo de ladrillo, e para cada obra unha forma de dispoñer ou alternar os diferentes materias (opus ou aparello)

Con estes tres elementos construtivos (cubertas, soportes e opus), os romanos levantaron unha gran variedade de edificios onde predominaban a funcionalidade e o carácter práctico sobre a decoración.