Catalogación

Autor: Picasso

Cronoloxía: 1937

Estilo:cubista, expresionista

Técnica: óleo sobre lenzo

Tema: denuncia política

Localización: Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (Madrid)

O Guernica


Foi un encargo feito en xaneiro dese ano polo goberno da República para o Pavillón español na Exposición Universal de París, Exposition International des Arts et des Techniques, que se celebraría nese ano 1937. España estaba en plena guerra civil e o goberno quería atraer á atención do público á causa republicana nun claro carácter propagandístico.

Un feito foi o desencadeante da obra: o 26 de abril, bombardeiros e cazas da Lexión Cóndor alemá e algúns italianos, ó servizo do bando nacional, atacaron durante tres horas a cidade vasca de Guernica. A vila non era un obxectivo militar e carecía de defensas antiaéreas polo que a destrución foi máxima. A única intención do ataque foi sementar o terror entre a poboación civil.

Aquela matanza impactou en Picasso e serviulle de punto de partida para executar este gran lenzo no que converte o feito en símbolo da violencia, a destrución e a dor

Desde o comezo da Guerra Civil, Picasso posicionarase claramente do bando republicano, comprometido na defensa do réxime legal e na salvación do patrimonio nacional, de aí a súa colaboración coa defraudación de fondos e a aceptación do nomeamento de director honorario do Museo do Prado. Colaborou cos augafortes Sono e mentira de Franco, unha especie de historieta de humor negro.

A primeira sensación é dun total abigarramento con figuras fragmentadas e superpostas, pero podemos diferenciar que hai seis figuras humanas, as vítimas da violencia, tres animais de simboloxía imprecisa: touro, cabalo e paxaro, unha mesa e algúns obxectos (lámpadas).

Compositivamente todo está planificado. Recorre a unha disposición tradicional, un tríptico cun panel central ocupado pola muller portadora da lámpada e o cabalo; no lateral dereito o incendio e á esquerda a muller co neno morto en brazos e o touro. Encadra os grupos en dispositivos triangulares ó modo cubista, sendo o máis importante e máis visible o central, que ten o seu vértice no quinqué. Na base horizontal os extremos veñen dados pola man do soldado morto tendido no chan e a perna da muller que foxe.

Algunhas significacións poden estar claras, as que aluden directamente ó horror provocado: a maternidade concibida como unha Piedade, o soldado, a muller en chamas, a pomba da liberdade ferida.

Pero outras teñen un significado máis discutible. As figuras máis controvertidas son o touro e o cabalo. O touro mirando para o outro lado, para algúns representa os españois que non se implicaron na defensa da liberdade, para outros é simplemente unha alegoría da morte e a brutalidade, outros consideran que representa a España (a pel de touro).

En canto a figura central e dominante, ó cabalo ferido de morte pola lanza cravada atravesando o costado como unha crucifixión e unha ferida aberta, adoita interpretarse como o símbolo da liberdade ferida ou como o pobo español, ou ben simplemente un exemplo da bestialidade. Pola súa parte a lámpada pode ser interpretada tamén como unha bomba ou como a luz da esperanza, e o quinqué que trae a muller da dereita -retrato de Dora Maar- é visto por algúns como a luz que ilumina para que o sucedido non se esqueza ou como signo da resistencia.

En ocasións hai simboloxías que poden resultar contraditorias, por exemplo na man do soldado caido hai unha espada e unha flor, posiblemente unha alusión á derrota en defensa da beleza e a arte ou a idea de renacemento e de esperanza.

O espazo non queda claro se é un interior ou un interior, seguramente ambas cousas a vez, a traxedia está por todas partes. Á dereita hai edificios pero na esquerda semella un interior no que vemos o embaldosado do chan. A plasmación dun espazo tridimensional ven dado por algúns elementos en perspectiva: a disposición diagonal da mesa, o biselado da fiestra e o ángulo superior co que se configura certa idea de profundidade. En calquera caso xera sensación de opresión, como se asfixiara as figuras.

Picasso nunca explicou as significacións, quixo presentar, quixo cada quen faga a súa propia interpretación.

Tecnicamente, o pintor renuncia á cor, todo se desenvolve en branco e negro, en gradacións de grises, algún toque de pálidos ocre e azulado, o que potencia o dramatismo. Debuxa cun contundente trazo as liñas que han conter a cor.

A luz non responde ás leis físicas, non hai un verdadeiro punto focal senón varios á vez: as dúas lámpadas, a fiestra, a porta; aínda que o bombardeo foi de día, o pintor suxire a noite por medio das lámpadas. As áreas máis iluminadas son aquelas que expresan con maior forza o sufrimento: brazos e mans, cabezas. É unha luz selectiva, o autor ilumina aquelo que quere destacar mentres marxina violentamente outras zonas. En conxunto resulta , máis sombría o parte esquerda -o interior- que a dereita -o exterior-.

Espazo e figuras son planas agás o cabalo que coas súas formas redondeadas e cos grafismos regulares e aliñados -semellan caracteres tipográficos- da pelaxe adquire volume. As formas descompóñense en fragmentos xeometrizados semellantes a un collage e como se resultaran ser os anacos resultantes da explosión.

O que domina é a expresividade do terror, o berro e o pranto que distorsiona as figuras, as retorce e as deforma. Basta fixarnos nesas bocas abertas con linguas como punzóns, na muller que arrastra esa longa perna ou nos ollos en forma de lágrima. O cubismo pervive na visión múltiple, desde puntos de vista distintos ó mesmo tempo: interior-exterior, rostros de fronte e de perfil.

Sen dúbida Picasso renunciou a procurar a beleza formal, prima por riba de todo a significación que descontextualizada -podería ser calquera sitio- que converteu un lenzo no que non se ven os verdugos na mellor denuncia das crueldades das guerras, particularmente cando se ceban en aniquilar a persoas inocentes.

A obra, por expreso mandato de Picasso, non volveu a España ata despois da morte de Franco coa instauración da democracia.

Fonte: Polos vieros da arte