Características xerais

Roma aparecesenos como un pobo de soldados e maxistrados, cuxo arte non é senón unha imitación e ampliación da arte grega e etrusca. Máis a arte romana, se ben continúa utilizando fundamentalmente as formas gregas, é esencialmente distinta.

Xa na República (s. V a.C.) a arte romana presenta unha fisonomía propia, en especial na arquitectura, á que o pobo romano consagrou o seu esforzo, e da que fora herdeiro a arte europea ata finais do século XVIII.

Son o xogo de masas, o sistemático emprego do arco e a bóveda, as construcións colosais, o retrato e o relevo histórico, os rasgos fundamentais que o diferenzan da arte grega.

A orixinalidade romana apréciase no seu marcado carácter militar, que facía prevalecer a utilidade fronte á beleza abstracta e ideal do mundo grego. A arte romana foi concibida para ser utilizada e que poida prestarlle un servizo á comunidade e sobre todo a Roma.

Calquera construción debe ter en conta tres principios fundamentais:

    • firmitas (a solidez no tempo)

    • utilitas (a funcionalidade)

    • venustas (estético e ornamental)

No caso de Roma, os dous primeiros principios predominaban sobre o último: as súas construcións eran concebidas máis por enxeñeiros ca por arquitectos.

Outra das constantes na arte romana é o peso que o grupo de poder tiña no encargo de obras.Foron as grandes obras públicas, impulsadas e financiadas polo goberno, as que encheron as cidades romanas. Baixo o Imperio o emperador converteuse no principal cliente. No ámbito privado, os retratos e os relevos funerarios encargábanse segundo a fortuna persoal de cada individuo.