Catedral de Santiago de Compostela

FICHA TÉCNICA

Título: catedral de Santiago de Compostela.

Autores: Mestre Bernardo e Mestre Esteban.

Cronoloxía: 1077-1211.

Estilo: prerrománico, románico e barroco.

Tipoloxía: igrexa de peregrinación.

Materiais: ladrillo, granito e mármore.

Enlace

CONTEXTO

A partir do ano mil, xeneralizouse un importante sentimento relixioso que, unido a unha certa estabilidade política e econó­mica, tiña un obxectivo: visitar os lugares sagrados e venerar as reliquias dos santos.

Tras o descubrimento da tumba do após­tolo (814) construíuse unha sinxela igrexa con elementos mozárabes e visigodos que se consagrou no ano 899. Destruída por Almanzor (977), a actual catedral levan­touse en tempos do bispo Diego Peláez, e foi construida baixo as ordes do Mestre Bernardo. Entre o 1077 e o 1087 edificou­se a cabeceira, e no 1092 continuou as obras o Mestre Esteban. Baixo o manda­to dun novo bispo, Diego Xelmírez, reacti­váronse as obras no ano 1100, consagrán­dose no 1211.

O feito de dispoñer da única tumba conservada dun dos doce primeiros discípulos de Jesús (xunto coa de San Pedro, en Roma), converteu á antiga Iria Flavia no centro dun crecente movemento de peregrinacións que axiña alcanzou a toda a cristiandade europea, da cal Santiago de Compostela acabou converténdose nun dos principais centros relixiosos. Xurdiu así o Camiño de Santiago, unha ruta de peregrinación que acababa precisamente aquí o seu percorrido. Os distintos ramais desta vía uníanse tras cruzar os Pirineos, para percorrer a continuación todo o norte peninsular e concluír en Compostela. Deste xeito, o camiño facilitou os intercambios culturais entre as distintas zonas do continente e levou máis aló das fronteiras da península a fama dunha cidade e dunha monarquía (a astur-leonesa) que impulsou a devoción ás reliquias do apóstolo. Sucedía todo iso nunha Europa ruralizada e feudal, pero que lentamente iríase abrindo ao desenvolvemento das cidades, do comercio e das actividades burguesas, sempre baixo a atenta mirada da Igrexa cristiá como controladora única das conciencias.

Descrición formal

A catedral de Santiago consta dunha planta de cruz latina de tres naves pre­cedidas por un nártice, cun amplo transepto que tamén se divide en tres naves, con catro absidiolas nos brazos, e unha importante cabeceira cunha es­pléndida ábsida e con deambulatorio ou xirola con cinco capelas radiais ao seu arredor.

A nave central lonxitudinal e do transepto, máis altas que as laterais, están cubertas por bóvedas de canón reforzada con arcos faixóns, mentres que as laterais se cobren mediante bó­vedas de aresta. A tribuna superior e as absidiolas cóbrense con cuarto de esfera. No cruceiro levántase un cibo­rio sobre trompas, que na actualidade está moi transformado.

O alzado divídese en dous niveis su­perpostos: arcadas e tribuna. As arca­das presentan uns soportes de piares cruciformes con columnas pegadas en todos os seus lados, que reciben o pe­so dos arcos faixóns que cortan a bó­veda en sentido transversal ao seu ei­xe formando os distintos tramos da nave.

No segundo nivel ábrese unha tribu­na, lugar onde adoitaban colocarse os peregrinos, composta por arcos xemi­nados de medio punto. Este espazo elevado ilumínase nos tramos das na­ves lonxitudinais a través de grandes ventás. En cambio, na cabeceira cons­truida polo Mestre Bernardo, estás ventás altérnanse entre dous pequenos arcos cegos.

No deambulatorio, a parte máis an­tiga do conxunto, encóntrase a capela do Salvador, que conserva o recordo do prerrománico pola súa planta rec­tangular externa.

No exterior, do estilo románico ini­cial tan só queda orixinal a fachada sur do transepto: a porta de Praterías. Cos séculos, o conxunto sufriu impor­tantes modificacións, entre as que po­demos destacar o claustro plateresco do século XVI pegado ao lado sur, a cúpula que substitúe ao ciborio do cru­ceiro, a Torre do Reloxo e a fachada do Obradoiro.

Interior da catedral (enlace interesante)

Función, contido e significado

Existen dúas teorías acerca da ori­xe da palabra Compostela. Unha afir­ma que provén das palabras latinas "campus stellae", que significa "campo das estrelas", e fai alusión ao lugar on­de unha estrela indicou o punto no que se atopaban os resto do Santo. A outra fai referencia ao lugar onde foi enterrado o Apóstolo "compositum te­llos" ou sepulcro coidado, e é alí onde se empezou a construir a catedral.

Conta a lenda que os seus restos che­garon no século I desde Terra Santa ata a cidade de Padrón, acompañados polos seus discípulos Teodoro e Atana­sio, e que foron trasladados nun carro ata o lugar actual.

A catedral de Santiago vén simbolizar, en primeiro lugar, a importancia dunha cidade e unha sé obispal na que se atopa situado o sepulcro dun dos doce apóstolos de Cristo. Neste sentido, a propia planta da igrexa é imaxe da cruz de Cristo e, en consecuencia, representación en pìedra da idea da cruxifixión e morte de Jesús como base para a salvación do mundo. Pero, doutra banda, a construción simboliza á perfección o desenvolvemento do reino astur-leonés nun momento no que o espazo xeográfico peninsular atopábase fragmentado e no que sobresaía o mundo islámico representado pola o-Andalus.

No ano 1554, o rei francés Lois XI regalou o Botafumeiro, un enorme in­censario en prata que, aínda que ten unha orixe litúrxica, algúns historia­dores cren que tiña a finalidade de evitar o olor que os peregrinos des­prendían ao durmir na catedral, tras as súas longas xornadas de Camiño.

A particular estrutura da catedral con tribuna, transepto e deambulato­rio facilita a circulación de peregrinos mentres se celebra a liturxia.

Contorno e integración urbanística

O punto final do Camiño é a cate­dral de Santiago, pero resulta moi inte­resante o conxunto de prazas e monu­mentos que a rodean, especialmente, a praza do Obradoiro. Nela destacan o Hostal dos Reis Católicos, o Pazo de Raxoi e o Colexio de San Xerome.

Modelos e influencias

O fervor relixioso que se manifestou desde finais do século XI e durante o século XII propiciou a construción de numerosos edificios relixiosos que adoptaron un mesmo modelo de planta, con tres ou cinco naves,transepto, tamén con tres naves, cabeceira con xirola ou deambulatorio, e va­rias capelas radiais.

Non se sabe con exactitude a orixe deste tipo de igrexas de peregrina­ción, aínda que o modelo parece ser monástico. Así, crese que o punto de partida foi a igrexa da abadía de Sainte-Foy de Con­ques (1050)

Saint Martin de Tours, Saint Michel de Limoges e Saint Saturnin de Toulouse foron tamén modelos

arquitectónicos similares á catedral de Santiago de Compostela, ata tal punto, que os peregrinos do sécu­lo XII

non se sentían estraños nin en Toulouse nin en Compostela.

Fonte: Vicens Vives