Características xerais

A pesar da enorme variedade e riqueza formal da arte románica, con esta denominación designamos unha serie de obras de arte que, en virtude do uso do arco de medio punto e a bóveda de canón e de aresta, podían verse como derivación da arquitectura romana.

No ámbito escultórico e pictórico, os conceptos de imitación, naturalismo ou proporcionalidade propios do mundo antigo, quedan totalmente desfasados no románico. No seu lugar dáse prioridade ao valor e calidade dos materiais preciosos coma o ouro, a prata os as xemas, así como á función alegórica-simbólica da imaxe.

En toda a arte románica apréciase a vontade de proclamar o triunfo definitivo da Igrexa cristiá, o que motivou a creación dun novo tipo de templo, no que toda manifestación artística se subordinase ao servizo da gloria de Deus.

Así mesmo, cómpre sinalar que normalmente o artista/artesán traballa por encargo e baixo unhas normas formais e temas ditados polos mecenas.