Arquitectura

A arquitectura románica está ao servizo de Deus. Este estilo fundamentalmente relixioso fai que catedrais, igrexas e mosteiros sexan as edificacións máis representativas deste período da Idade Media.

Exterior

Muros macizos, con escasos vans e contrafortes que lembran a unha fortaleza, na que a súa portada principal, situada na fachada oeste, - símbolo da porta de Xerusalén- , vén flanqueada por unha o dúas torres.

Alzado interior

  • Os muros interiores que se abren á nave central teñen dous niveis -arcadas e tribuna- ou tres niveis –arcadas, tribuna e corpo de fiestras-.

  • No primeiro nivel, as arcadas descenden en piares cruciformes ou columnas que Ile imprimen un ritmo característico ó espazo interior.

  • A tribuna, galería situada sobre a nave lateral, ábrese tanto á nave central como ó exterior e proporciónalle luz indirecta á nave central, polo xeral en semipenumbra.

Cabeceira

A cabeceira, parte da igrexa onde se atopa o altar, é o centro da actividade litúrxica. Acostuma a mirar cara ó leste, por onde sae o sol e onde se atopa o paraíso. A cabeceira inclúe o transepto, o presbiterio e a ábsida.

  • O punto no que se cruzan as naves centrais do corpo lonxitudinal e do transepto é o cruceiro. Adoita ter unha cúpula que, no exterior, dá lugar a unha torre, o ciborio.

  • O presbiterio é o espazo posterior ó transepto onde se sitúan o altar maior e o recinto dedicado ós clérigos (coro).

  • A ábsida é a parte de planta semicircular ou poligonal que pecha o edificio. A configuración da cabeceira varía: pode ser a terminación natural en forma de ábsidas da nave central e as laterais; ou xerar un deambulatorio -corredor que prolonga as naves laterais e rodea o presbiterio- rematado por capelas radiais ou absidiolas.

  • As absidiolas son ábsidas secundarias pegadas ó deambulatorio ou ó transepto.

Planta

Planta basilical que toma a forma simbólica de cruz grazas ó transepto (unha ou varias naves que cru zan perperdicularmente o corpo lonxitudinal.

  • A cruz pode ter os brazos iguais (planta de cruz grega) ou desiguais (planta de cruz latina).

  • O nártex é a antecámara ou pórtico que precede á entrada da igrexa.

  • O corpo lonxitudinal estrutúrase nunha nave central secundada por dous -ou máis- naves laterais máis baixas.

  • O espazo interior -tanto da nave central como do transepto articúlase a partir dos tramos, espazos definidos, xeralmente, por unha unidade de bóveda.

  • Baixo o presbiterio, acostuma situarse a cripta, un espazo circular, abovedado, que permite entrar por un lado e saír polo outro. Este recinto acollía os sepulcros ou as reliquias e era tan importante que chegou a condicionar a reordenación da igrexa. As reliquias eran moi veneradas; procedían de Roma e os mosteiros acostumaban a posuílas despois de ter pagado altos prezos por elas. O fervor que levantaban era tal que, ás veces, para velas, os fieis debían esperar días enteiros.

Bóvedas

O des envolvemento das bóvedas de pedra é un dos grandes logros do románico. As bóvedas de canón sobre arcos faixóns -de reforzo- convértense na alternativa ás cubertas de madeira vixentes, húmidas e inflamables.

Ó se cruzaren dúas bóvedas de canón aparecen arestas e xorde a bóveda de aresta.

A nave central prefire bóveda de canón e as laterais de aresta.

As bóvedas exercen dous tipos de presión: vertical e lateral. O empuxe vertical é absorbido polos muros interiores e o lateral polos espesos muros exteriores e os contrafortes.