Manet: o almorzo campestre

Catalogación

Título: Almorzo campestre

Autor: Édouard Manet

Cronoloxía: 1863

Estilo: realista / impresionista

Técnica: óleo sobre lenzo.

Localización: Musée d' Orsay (París)

Tema: escena costumista ou de xénero.














Temática

Títulada nun inicio como O baño, O almorzo campestre reflicte unha escena cotiá na que aparecen, en primeiro plano, o seu irmán Gustave -co bastón-, o escultor holandés Ferdinand Leenhoff -futuro cuñado do pintor-, e a súa modelo preferida, Vitoria Meurent, completamente espida e mirando ao espectador. No fondo, outra muller, descoñecida, báñase no regato.

Presentada no salón oficial de 1863, a pintura non foi admitida, pasando a formar parte do amplo cartel do Salón dos Rexeitados. O principal motivo de crítica foi o espido inxustificado da muller, ao non se tratar dunha escena mitolóxica. Tamén foi motivo de burla o feito de que as distintas figuras non parecesen ter relación entre elas, e a sensación de suspensión no aire que presenta a figura do regato, debido á desconcertante perspectiva.

Análise formal

Manet distribúe a composición en tres planos horizontais superpostos: a baixo aparece unha cesta con froitas, pan e coas roupas das dúas mulleres; no centro, o pintor sitúa a tres personaxes, unha muller espida que mira fixamente ao espectador dous homes vestidos; e detrás delesm unha segunda muller, con roupa interior refréscase no regato.

As tres escenas quedan incluídas no triángulo compositivo formado pola perspectiva lineal, cuxo punto de fuga se sitúa na pequena porción de ceo pintada na parte alta do lenzo.


Malia esta orde compositiva, parte da crítica viu unha certa falta de unidade e dispersión nos diferentes elementos, sobre todo na escena central, onde cada personaxe parece illado no seu mundo, debido a falta de encontro entre as súas miradas.

As figuras aparecen planas sobre a paisaxe, sen clarooscuros e sen liñas que remarquen os seus contornos, co que non adquire ningún tipo de volume que as faga independentes do fondo. Iso só é posible mediante a cor que a súa vez absorbe tanto a luz como as sombras, a partir das diferentes gradacións tonais. Con este exercicio, Manet é capaz de reproducir a sombra dunha árbore e conseguir a transparencia do regato utilizando só a riqueza tonal da verde. Para conseguir un contrapunto luminoso, utiliza a negra e a branca como cores predominantes nas figuras centrais.

A iluminación que elixe Manet para a escena cun potente foco de luz directa (que apenas crea sombras) sobre os personaxes, realza aínda máis o contraste . Esta técnica de iluminación é característica das estampas xaponesas. Na parte máis afastada do espectador Manet simula o efecto da distancia prescindindo do debuxo con grandes pinceladas de cor, algo que puido observar nas obras de Velázquez.

Modelos e influencias

A obra perdida do O Xuízo de Paris de Rafael -reproducida nun gravado de Marco Antonio Raimondi-, e O Concerto campestre de Giorgione e Tiziano foron os dous modelos básicos que tivo Manet á hora de pintar este lenzo. Esta influencia dos clásicos, dominada pola pintura veneciana do século XVI e o barroco español, en especial Velázquez, non foi un caso illado, senón un referente claro nalgunhas das súas obras máis relevantes, como Olimpia.

Admirado polos impresionistas pola súa maneira de tratar a luz e a cor, a chegada de Manet á arte moderna foi moito máis alá. A súa negativa a seguir as pautas ilusionistas da perspectiva tradicional, desintegrando a composición a modo de collage, foi a orixe das formulacións espaciais de Cézanne e do cubismo.

Giorgione ou Tiziano: Concerto campestre (1510)