Pintura

As raíces da arte pictórica renacentista do Quattrocento hai que buscalas en Giotto, aínda que o verdadeiro renovador e introdutor da pin­tura renacentista foi o florentino Masaccio, que adopta unha actitude radicalmente oposta á tra­dición gótica, coincidindo coas investigacións es­paciais de Brunelleschi e Alberti. A súa obra A Trindade recolle as leis da perspectiva matemáti­ca, anticipando o espazo e as solucións arquitec­tónicas de Brunelleschi. Masaccio resume o novo espírito pictórico nos frescos da capela Brancacci na igrexa do Carmine de Florencia, xunto ao seu mestre Masolino.

Os pintores aprenden cada vez máis a repre­sentar o corpo humano, así coma os rostros, que reflicten máis fielmente os trazos do retratado.

Interese pola natureza e a pai­saxe, aínda que carece do detalle da escola fla­menga.

Interésanse tamén polos volumes e pola perspectiva, así como polas roupas, que son in­terpretadas con maior elegancia.

Todo iso debe enmarcarse nun contexto clásico, polo que as composicións empezan a ser harmónicas e, moi­tas veces, dispóñense organizadas de maneira xe­ométrica, especialmente en forma triangular.

Tematica­mente, aínda que se practica a pintura relixiosa, trátanse con grande profusión os temas pagáns.

Esteticamente dáselle moita importancia ao de­buxo, e o pintor desta centuria obsesiónase pola profundidade e o encadramento das figuras.

As técnicas máis empregadas son inicialmente o fresco e a témpera, engadíndose ao final do século XV o óleo, o que fai desaparecer o retablo en fa­vor da tea.

A escola florentina se converteu na iniciadora e a máis sobranceira do novo estilo, con artistas tan importantes como Masaccio, Fra Angélico, Filippo Lippi, Paolo Uccello e Botticelli.

Fra Angélico: A Anunciación (1428), Museo do Prado Madrid. Esta obra mestura os dourados e o alongamento curvo das figuras propio do gótico, co uso da perspectiva renacentísta.

Sandro Botticelli: A primaveira (1477), Galería dos Uffizi, Florencia. Mestre do debuxo, as súas figuras teñen gran movemento. Nas súas pinturas aparecen os temas pagáns, como este, onde crea un mundo idílico, cheo de beleza e de sensualidade.

Na pintura do Cinquecento consolidáronse al­gunhas técnicas, como a pintura ao óleo, de orixe flamenga, e novos soportes, como a tea.

Utilizou­se o claroscuro, definindo o contorno das figuras a través de zonas iluminadas e outras sombrea­das. Iso fixo que os artistas se cuestionasen o uso da perspectiva lineal, mentres Leonardo da Vinci introduciu o sfumato e a perspectiva aérea.

Outros xenios da arte foron Michelangelo, que acentuou o concepto de terribilitá na capela Sixti­na, e mais Rafael, quen nas Estancias Vaticanas introduciu solucións manieristas que foron conti­nuadas polo seu discípulo Giulio Romano no pa­lacio do Té, en Mantua.

Paralelamente, apareceu a disputa entre o debuxo e a cor: o primeiro, de­fendido polos pintores romanos, florentinos e parmesanos, e a segunda, defendida polos pinto­res venecianos.

Roma substituíu a Florencia como capital ar­tística do momento, pero o Saco de Roma propi­ciou a diáspora de moitos artistas, volvendo a re­xurdir Florencia con artistas manieristas da categoría de Pontormo, Bronzino e Rosso Floren­tino, e Parma, con Correggio e o Parmigianino.

Paralelamente, en Venecia apareceu unha escola pictórica moi peculiar. Iniciada por Giorgio­ne e definida por Tiziano, o Tintoretto e o Vero­nés, as principais características desta escola son:

a) Perda dos contornos do debuxo en favor dunha maior unidade cromática.

b) Exaltación da riqueza. As pinturas enmárcan­se en ambientes palacianos, con personaxes vestidas con grandes roupas, xoias, etc.

c) Valoración da paisaxe e utilización da arquitec­tura clasicista como marco.

d) Distorsión das figuras, situadas de maneira forzada dentro da composición.

e) Ruptura da simetría renacentista e utilización de perspectivas co punto de fuga fóra do cadro ou con máis dun punto de fuga.

Tintoretto: A última Cea (1579), Escuola de San Rocco, Venecia. Apúntase xa a sensibilidade do barroco creando un ambiente semiescuro e unha forzada perspectiva.

Paolo Veronés: As vodas de Caná (1563), Museo do Louvre, París. O pintor móstranos a humilde cerimonia de Caná, cunhas extraordinarias cores e en medio dun luxoso espazo arquitectónico e profundo, cheo de personaxes en movemento.