A Primeira República española (1873-1874)

O proxecto de Constitución federal de 1873

A nación española, reunida en Cortes Constituíntes, desexando asegurar a liberdade, cumprir a xustiza e realizar o fin humano a que está chamada a civilización, decreta e sanciona...

Art. 1. Compoñen a Nación Española os Estados de Andalucía Alta, Andalucía Baixa, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Castilla la Nueva, Castilla la Vieja, Cataluña, Cuba, Estremadura, Galicia, Murcia, Navarra, Puerto Rico, Valencia, Regiones Vascongadas. (...)

Art. 2. As illas Filipinas, de Fernando Poo, Annobón, Corisco, e os establece­mentos de África, compo­ñen territorios que, a medi­da dos seus progresos, ele­varanse a Estados polos Poderes Públicos.

Art.34.- O exercicio de todos os cultos é libre en España.

Art 35. Queda separada a Igrexa do Estado.

Art 36.- Queda prohibido á Nación ou ao Estado federal, aos Estados rexionais e aos Municipios subvencionar directa nin indirectamente ningún culto...

Art 39. A forma de goberno da Nación española é a República federal

Art 40. O poder da Federación divídese en poder lexislativo, poder executivo, poder xudicial e poder de relación entre estes poderes..

Art. 49. O poder de relación será exercido polo presidente da república. (...)

Art 50.- As Cortes compoñeranse de dous Corpos: Congreso e Senado.

Constitución completa

As Cortes Constituíntes, con maioría federal, reunidas en xuño de 1873 proclamaron a República federal (coa oposición dos unitarios) e o primeiro presidente da República, Figueras, foi substituído polo federalista Pi i Margall. Estas Cortes elaboraron unha nova Constitución, que non puido ser aprobada. A súa maior novidade residía na estructura federal do Estado que propoñía (art. 39).

A declaración de dereitos é moi similar á de 1869. Ós tres poderes clásicos engádese o do presidente da República, o chamado poder relacional (art. 49), que é quen nomea o gober­no, pero a función executiva corresponde íntegramente ó goberno, sen que poida intervir o presidente. A función deste é manter a unión e o equilibrio entre os distintos Estados que forman a Federación. As Cortes están formadas por dúas Cámaras ( art. 50) con diferentes poderes. O Congreso, con membros elixidos á razón de un por cada 50.000 habitantes posuía poderes lexislativos superiores ó Senado.

A Federación estaba integrada por dezasete Estados e varios territorios (art. 1 e 2), que se correspondían ás colonias, con excepción de Cuba e Puerto Rico, que se consideraban Estados. Estes correspondían ás rexións históricas españolas, coa ausencia de León. Cada Estado podía elaborar a súa propia Constitución, tiña os seus órganos lexislativos, execu­tivos e xudiciais e podía organizarse con liberdade a condición de respectar a Constitución federal.

A revolución cantonalista

Mentres se discutía e aprobaba nas Cortes a Constitución, os federais de provincias, par­tidarios dunha confederación, decidiron tomar a iniciativa constituíndose en cantóns. Cartaxena foi a primeira en declararse cantón independente, seguida por outras cidades de Andalucía e Valencia.

Na insurrección cantonalista participaron xunto cos federais os anarquistas. A única cida­de onde os acontecementos tiveron trascendencia pola participación obreira foi en Alcoi, unha das cidades industriais máis importantes de Valencia. Alí estaba ubicada a Comisión Federal da Internacional. Unha Asemblea obreira decidiu o 7 de xullo unha folga xeral pedindo melloras laborais. Os fabricantes rexeitaron as reivindicacións. Ante a oposición do alcalde, republicano federal (o que nos indica a distancia existente entre republicanos e internacionalistas), que mandou disparar á Garda Municipal contra os obreiros, estes executaron ó alcalde e a algúns gardas. Arderon moitas fábricas ata que un destacamento militar impuxo a orde cun balance de 16 mortos e 20 feridos.

Non houbo coordinación, nin un plan premeditado para todo o país, e a parti­cipación dos internacionalistas nos distintos cantóns foi completamente espontánea. Os sucesos de Alcoi e o cantonalismo en xeral levaron ó desen­canto de moitos militantes cos proxectos insurreccionais, pero tamén serviron para que os líderes anarquistas visen reforzada a súa postura de apartarse de todos cantos pretendían transformar a sociedade mediante a participación política.

Engels critica a participación anarquista na sublevación cantonal

«Cando o tres de xullo se proclamou a nova Constitución, esta non ía tan lonxe como os intransixentes preten­dían en canto a desmembración de España en "cantóns independentes" . Así pois, os intransixentes organiza­ron ó momento alzamentos en pro­vincias. Do 5 ó 11 de xullo, os intransixentes triunfaron en Sevilla, Córdoba, Granada, Málaga, Cádiz, Alcoi, Murcia, Cartagena, Valencia, etc., e instauraron en cada cidade un goberno cantonal independente. O 18 de xullo demitiu Pi i Margall e foi substituído por Salmerón, quen inmediatamente lanzou ás tropas contra os insurrectos. (...)

A isto engadíase o que os bakunistas viñan predicando, que toda acción revolucionaria de arriba abaixo era perniciosa e que todo debía levarse a cabo e organizarse de abaixo arriba. E de aquí que agora presentábase­lles a oportunidade de implantar de abaixo arriba, ó menos nunhas can­tas cidades, o famoso principio da autonomía. (...)

Vexamos cal foi a posición dos inter­nacionalistas bakunistas en todo este movemento. Axudaron a atomización federalista e realizaron o seu ideal de anarquía na medida do posible. (...) Formaban parte de todos os gobernos municipais revoluciona­rios de Andalucía, pero sempre en minoría, de modo que os intransi­xentes podían facer canto lles viñese en gana. (...)

O federalismo dos intransixentes e do seu apéndice bakunista consistía, precisamente, en deixar que cada cidade actuase pola súa tonta e declaraba esencial, non a súa coope­ración con outras cidades, senón a separación delas, co cal pechaba o paso a toda posibilidade dunha ofen­siva xeral.

Engels: Los bakunistas en acción