David (Miguel Anxo)

Catalogación

Título: David

Autor: Miguel Anxo ((1475-1564)

Cronoloxía: primeiros anos do século XVI (1501-1504)

Estilo: Renacemento (Cinquecento)

Tipoloxía: escultura exenta

Materiais: Mármore

Localización orixinal: Praza da Señoría de Florencia. Foi un símbolo político da cidade de Florencia.

Localización actual: Galería da Academia de Florencia.

Tema: Biblíco. David no momento de enfrontarse a Goliat.

Miguel Anxo recibiu a encarga de tallar o heroe do Antigo Testamento a partir dun bloque de mármore de extraordinaria altura e moi estreito, unha peza bastante maltratada que permanecera durante corenta anos no patio de obras da catedral.

Esta estatua colosal (4,34 m de altura), representa a David como un atleta novo, espido e musculoso, coa mirada intensa e penetrante, fixa na distancia, á espera de divisar a Goliat; na man dereita sostén a pedra, e coa esquerda suxeita a funda.

Malia as limitacións do bloque, co seu David, Miguel Anxo demostroulles ós seus contemporáneos que superara a escultura da Antigüidade ó fusionar maxistralmente a harmonía e a beleza clásicas, coa expresión, o significado e o sentimento.

Está de pé en posición de marcado contraposto pero desprazando lateralmente cara adiante a perna esquerda e cun xiro que crea unha disposición en zigzag anticipadora do barroco.

Se ben a composición é pechada e carente de movemento, hai elementos que fracturan esa visión inicial. A través da mirada crea unha tensión centrífuga: a enerxía está a piques de transformarse en acto e a figura a punto de despregarse no espazo. David está en repouso pero ningunha parte do seu corpo está relaxada, concentrado e preparado para a acción, a mirada expectante e a tensión dos músculos amosan a potencialidade da acción non a acción mesma.

Así, á perfección clásica na modelaxe do corpo únense estratéxicos detalles que dan vitalidade e revelan un corpo sometido a gran tensión: a cabeza sobredimensionada; a mirada expectante e segura; o vigor concentrado na súa man robusta, cun tamaño esaxerado que a fai máis poderosa; a disposición en zigzag do corpo... Son recursos da súa famosa terribilità, que o afastan dos canóns clásicos a prol da expresividade.

Mesmo as extremidades, que se viran contidas por mor da estreiteza do bloque de mármore, expresan toda a tensión dinámica do corpo vigoroso. Miguel Anxo sorteou a frontalidade ó lle dar un leve xiro á cabeza que invita ó observador a rodear a figura.