A Rusia dos tsares

A diferenza do acontecido nos pobos de Europa occidental, o pobo ruso non levou a cabo cambios pola vía liberal-burguesa e capitalista, pois as transformacións da súa estrutura económica, a resistencia ao cambio dunha sociedade fondamente rural, e o peso dunhas institucións incapaces de evolucionar, desembocaron nun proceso revolucionario.

Características da Rusia tsarista

a) A poboación experimentara un forte crecemento, especialmente na segunda metade do século XIX, alcanzando un máximo na década de 1890-1900. Pasou de 87 millóns en 1870 a 147 en 1910. Este crecemento foi moi superior ao que se deu nos restantes países europeos. A outra gran característica demográfica da Rusia tsarista era o enorme peso da poboación rural, que en 1914 aínda supoñía o 81'4% do total, pese ao lento incremento da poboación urbana, iniciado a comezos de século.

b) A agricultura era a actividade económica predominante e, así, a principios de século aínda máis do 75% da poboación activa estaba integrada no sector primario. Esta agricultura manifestaba claros síntomas de atraso, sendo o máis destacado deles a persistencia da servidume. Para tratar de atallalo, o tsar Alexandre II ditou, en 1861, un ukasse (decreto) que supoñía a abolición da servidume e o reparto das terras entre os campesiños e a nobreza. Este decreto non foi satisfactorio para o campesiñado posto que por el, debían pagar ao Estado unhas cantidades polo valor das terras recibidas e, ademais, quedaban vinculados á propia comunidade campesiña (Mir). Serían estas comunidades as que se responsabilizasen do pago dos rescates e dos impostos, as que decidisen os produtos de semente, as que autorizasen ou non a venda de leiras e, tamén, os traslados ás cidades. Deste xeito o campesiño non era totalmente libre e seguía nunha situación de dependencia, agora da súa comunidade de residencia. Por outra banda, os nobres acapararon as mellores terras e as que se lles asignaron aos campesiños foron peores e, en ocasións, máis reducidas en extensión que as que viñan cultivando en usufruto. O intento de reforma agrícola foi, pois, un fracaso.

c) A porcentaxe de poboación activa ocupada na industria a comezos de século era un 9%, o que indica a feble industrialización do país. As principais características da mesma podémolas sintetizar nos seguintes puntos:

  • a industrialización foi serodia, arrincando na década 1880-90.

  • Foi moi desigual, dándose unha forte concentración financeira e xeográfica (Moscú, San Petersburgo, Ucraína occidental,...

  • Houbo fortes investimentos de capital exterior, especialmente francés e británico.

  • O Estado participou tamén no financiamento da industrialización con capitais que proviñan dos impostos sobre o campesiñado.

d) A estrutura social da Rusia tsarista, presentábase moi polarizada nos primeiros anos do século XX, e incorporaba xa algunhas novidades consecuencia das novas realidades socioeconómicas que escomenzaban a agromar. Así, as clases dominantes eran a nobreza terratenente, que ademais controlaba boa parte da administración e do exército, unha reducida burguesía industrial e comercial e os kulaks, grandes propietarios agrarios. Existía tamén unha pequena burguesía urbana e os profesionais e intelectuais, así como as enormes masas campesiñas e os obreiros industriais, que supoñían uns tres millóns e medio á altura do ano 1913, estando o 75% da poboación activa adicado, como xa dixemos, ao sector primario.

e) A forma de goberno na época tsarista era unha autocracia, apoiada na alta nobreza, que controlaba a burocracia e o exército. Tamén servía de apoio a igrexa ortodoxa rusa e a temida policía política -ojrana- era a encargada de reprimir calquera intento opositor. As posibilidades de participación política eran nulas e só a creación dos zemstvos, en 1864, permite falar dunha certa liberalización. Estes zemstvos eran unha especie de consellos locais, nos que nobres, cidadáns e campesiños adoptaban comunitariamente as medidas de ámbito municipal. Tras a chegada ao trono de Alexandre III recortáronse as súas atribucións.

f) Durante todo o século XIX houbo unha oposición política á autocracia tsarista, que foi dirixida polas élites culturais. A esta oposición coñéceselle co nome de "intelligentsia" e xa dende A. Pushkin e L. Tolstoi se denunciaba a situación social e económica rusa, considerando necesario un cambio. Nesta oposición manifestáronse rápidamente dúas liñas: unha occidentalista, que pretendía imitar os logros do liberalismo en Occidente, e outra chamada eslavófila, que loubaba as virtudes do campesiñado ruso e que pretendía chegar a un sistema socializante.

Na segunda metade do XIX nacen, desta segunda corrente, dous movementos típicamente rusos: o Populismo e o Nihilismo. Ambos os dous compartían a idea de que o pobo ruso chegaría ao socialismo dunha forma peculiar, distinta da seguida en Occidente. Eran partidarios dunha revolución campesiña, que debía producirse de forma espontánea, e que levaría á socialización da terra. O protagonista desta revolución sería, polo tanto, o campesiñado. As diferenzas entre ambos movementos son fundamentalmente tácticas pois mentres os populistas fan un labor propagandístico entre o pobo (chamóuselles narodniki, de narod=pobo) os nihilistas apoian accións terroristas individuais contra o Estado. Unha rama dos populistas creou, xa en 1901, o Partido Socialista Revolucionario (eserita).

Foi Giorgi Plejánov o introdutor do marxismo en Rusia. No pensamento deste autor aparecen xa claros puntos de ruptura coas posicións populistas: considera que a evolución política non pode ser determinada por accións individuais senón que será froito do desenvolvemento das relacións económicas; mantén, tamén, que o estadio capitalista é inevitable en Rusia e, polo tanto, a revolución deberá ter dúas etapas: unha democrático-burguesa e outra socialista-proletaria. Ademais, a dirección da revolución corresponderá ao proletariado. Plejánov completou a súa impronta participando na creación do Partido Obreiro Socialdemácrata de Rusia (POSDR), en 1898, referente esencial do pensamento revolucionario a partir daquel intre.