Liderado dun xefe carismático

Os fascismos trataron de conseguir a harmonía social baixo a benefactora acción dun xefe ("duce, führer, caudillo"). Sen o seu liderado, a natureza amorfa das masas desembocaría no desgoberno e o caos.

Para levar a cabo a súa misión o xefe debía rodearse dunha elite competente, preparada e portadora da razón e a verdade. Os individuos eran considerados ineptos para a asunción de responsabilidades e a toma de decisións por si mesmos, o seu papel na sociedade fascista era o de súbditos, non cidadáns de pleno dereito.

O xefe debía estar dotado dun especial carisma que o distinguise do resto dos mortais e aglutinase as diferentes tendencias dentro do poder. Dese modo evitábase o perigo que padecían as sociedades democráticas, acosadas pola pantasma da desintegración partidista.

Ante o líder só rezaba actuar cunha fe cega expresada a través do culto á personalidade. Ademais do seu papel dirixente, a misión de xefe era servir de guía do pobo, exercendo sobre el un labor benefactor e paternal.

A propaganda encargouse de glorificar insistentemente ese papel, facendo uso de todos os medios ao seu alcance. Especialmente útil foi a radio, cuxas ondas chegaban facilmente aos máis recónditos lugares e atopábase presente en numerosos fogares.