Roy Lichtenstein (1923-1997)

Tema: nu feminino.

Nos anos 90 traballa na serie de interiores baleiros (Interior) sacados de páxinas de publicidade e a mediados da década nos nus femininos, como nesta obra que nos ocupa, tomados de cómics románticos dos anos 60.

Deconstrúe a imaxe e desnuda as mulleres, pois no cómic a muller aparecía vestida . Recordemos que o tema do nu é un tema emblemático dende o Renacemento na arte occidental.

Aínda que tamén realiza esculturas e murais, Lichtenstein é fundamentalmente coñecido como pintor e debuxante. A súa obra enmárcase dentro do movemento Pop americano, sendo con Warhol un dos artistas mais significativos.

Nos seus comezos como artista, achegárase ó Expresionismo Abstracto para abandonalo nos anos 60 polo Pop Art.

Construirá a súa imaxinería apropiándose e reproducindo a gran escala viñetas -de feito comezou inspirándose nas dos papeis de envolver goma de mascar-, publicidade e obras clásicas de artistas de renome (Hommage à Picasso, A habitación de Arlés de Van Gogh ou a serie da Catedral de Rouen de Monet). Inclúe tamén na súa iconografía as mulleres -nunca empregou modelos, son mulleres inventadas-, as paisaxes de solpor, as pinceladas individualizadas no centro do lenzo, como una especie de revisión irónica do Expresionismo Abstracto, e as habitacións baleiras. Case todos os motivos son copia doutros de distintas procedencias, polo que en certa medida se pode falar de que a súa obra é un ready-made.

Dende o primeiro momento incorporará os puntos, que realiza cunha plantilla de metal (técnica do estarcido) na busca da impresión de reprodución feita por medios industriais.

Descrición formal

A obra representa un interior abigarrado, supoñemos que un dormitorio porque vemos algúns dos mobles: un escritorio e unha cama. Nas paredes hai unha pintura con dúas pirámides sobre o cabeceiro da cama, posiblemente obra do propio Lichtenstein, e un espello no lado dereito. No ángulo superior dereito, un bocadillo de cómic invertido e parcial que imposibilita a súa lectura.

Podería estar en relación coa serie de reflexos que empezara a facer nestes anos 90 ou tamén é posible que todo o conxunto sexa unha ilusión ou o reflexo nun espello, tema este ben tradicional da historia da arte.

Nese apertado espazo dúas mulleres, unha case de corpo enteiro e espida porta na man esquerda un floreiro, da outra só vemos un fragmento do seu rostro no ángulo inferior esquerdo, mirando ó espectador. Están tratadas coma se fosen esculturas, especialmente a muller da dereita: hierática, nun movemento detido e sen expresión.

Se ben habitualmente renunciou ao claroscuro, nestas derradeiras obras suxíreo por medio da diferenciada saturación dos puntos que transgreden os contornos das figuras (mira o debuxo preparatorio co sombreado). A súa idea non é simular as sombras con precisión, senón simbolizar a convención do claroscuro, mostrándoa para falar dos problemas da percepción.

Técnica: óleo e ácrilico da marca magna, xunto con resinas e vernices.

Estilo: Pop-Art

Cronoloxía: 1994

Catalogación Título: Nu con pirámide

Delimita as formas por liñas negras moi definidas e con distintos grosores -diferencia entre os beizos e o cabelo-, do mesmo xeito que trazos negros definen os detalles internos das figuras e dos obxectos. En consecuencia as figuras quedan contidas entre bordes nítidos o que acentúa o seu carácter inanimado.

Pinta servíndose de recursos gráficos diferenciados, fundamentalmente puntos, os máis visibles, e raias. As tramas de puntos, coñecidos como puntos benday, foi un método de sombreado rápido creado no ámbito da imprenta por Benjamin Day para reproducir ilustracións con cores intermedias e sombreados de xeito económico porque emprega só catro cores. Lichtenstein gradúa a tonalidade da cor dos puntos para suxerir luz e sombra, e volume, engadindo as liñas diagonais e paralelas para reforzar o modelado por claroscuro.

Só determinados elementos, como as flores ou os mobles, están coloreados por igual en cor plana dentro das liñas que os configuran. Así sucede co vermello, amarelo -ambas cores primarias- e branco das tres flores, que destacan limpamente en medio do entramado de puntos e raias. A sensación cromática dominada polos azuis xunto cos grises, negros e marróns, reforza a frialdade da obra, pese ós únicos toques de cor vibrante do floreiro e dos cadros da parede. Trátase sempre de cor plana cun acabado liso e brillante, conseguido grazas ós pigmentos industriais e sintéticos utilizados.

Se a temática resulta intranscendente, a técnica é verdadeiramente novidosa e orixinal. Partía dunha imaxe seleccionada que logo proxecta e copia no lenzo, para conformar por adición de tramas coloreadas un collage xigante. Resolta a composición e os encadres ó seu gusto, volve a fotografíar e proxectar, para agora elaborar manualmente coa axuda de plantillas a obra final. Mestura pois, técnicas industriais e artesanais, as máquinas e a man do artista combínanse nu proceso artístico verdadeiramente laborioso.

Esta laboriosa técnica define o seu persoal estilo que o fai moi recoñecible a simple vista xunto cos motivos da cultura pop, e a súa imitación consciente dos acabados propios do deseño industrial.

Mais, a diferenza de Warhol que emprega medios semiautomáticos como a serigrafía, o traballo de Lichtenstein xoga coa falsidade da linguaxe das reproducións, non quere representar o obxecto en si senón amosar a súa representación. Estanos a dicir que a nosa cultura visual xa non se conforma polos orixinais, por experiencias reais do que acontece, senón pola súa reprodución nos medios de masas. En definitiva é a representación do representado.

Máis información

Roi lichtenstein no Museo Nacional Reina Sofía