A Constitución de 1869

"A Nación Española e no seu nome as Cortes Constituíntes elixidas por sufraxio universal, desexando afianzar a xustiza, a liberdade e a seguridade e prover o ben de cantos vivan en España, decretan e sancionan (...)

Art. 2º. Ningún español nin estranxeiro poderá ser detido nin preso senón por causa de delito.

Art. 3º. Todo detido será posto en liberdade ou entregado á autoridade xudicial dentro das vinte e catro horas seguintes ao acto da súa detención (...)

Art 4º. Ningún español poderá ser preso senón en virtude de mandamento de xuíz competente (...)

Art. 21. A Nación obrígase a manter o culto e os ministros da relixión católica. O exercicio público ou privado de calquera outro culto queda garantido a todos os estranxeiros residentes en España, sen máis limitacións que as regras universais da moral e do dereito. Se algúns españois profesaren outra relixión que a católica, é aplicable aos mesmos todo o disposto no parágrafo anterior.

Art. 26. A ningún español que estea no pleno goce dos seus dereitos civís poderá impedirse saír libremente do territorio, nin trasladar a súa residencia e haberes a país estranxeiro, salvo as obrigacións de contribuír ao servizo militar ou ao mantemento das cargas públicas.

Art. 32. A soberanía reside esencialmente na nación, da cal emanan todos os poderes.

Art. 33. A forma de Goberno da Nación española é a Monarquía.

Art. 34. A potestade de facer as leis reside nas Cortes.(..)

Art. 35. O poder executivo reside no Rei, que o exerce por medio dos seus ministros.

Art. 36. Os Tribunais exercen o poder xudicial.

Comentario

Foi unha constitución liberal e democrática, outorgaba un réxime de liberdades moi amplo, se lla compara con outras europeas da mesma época.

Nos primeiros artigos garántense os dereitos de todos os españois, nunha amplísima declaración de dereitos, incluíndo dereitos de tipo procesal e penal, abolindo actuacións sobre as que o autoritarismo arbitrario sempre se apoiou. Xunto aos tradicionais dereitos individuais, garántese a presunción de inocencia, a liberdade de residencia, de ensino, de culto e a inviolabilidade do correo...

Proclámase a soberanía nacional e confírmase o sufraxio universal masculino (maiores de 25 anos)

Establécese como sistema de goberno a monarquía parlamentaria.

Separación de poderes:

Ao rei correspóndelle o poder executivo e a facultade de disolver as Cortes, pero só exercía o seu poder por medio dos seus ministros.

O poder lexislativo reside nas Cortes e o rei só as sancionaba ou as promulgaba.

O lexislativo era bicameral (Congreso e Senado) elixido por sufraxio universal, cun número de deputados proporcional ao número de habitantes de cada provincia cun número fixo de 4 senadores por provincia para homes de probada suficiencia económica e de titulación

Proclámase a independencia do poder xudicial, creando por primeira vez un sistema de oposicións a xuíz que acababa co nomeamento destes polo goberno e restablecíase o xuízo por xurado.

A Constitución de 1869 e o novo sistema político, consolidaron os principios liberal-democráticos, pero frustraron algunhas das aspiracións doutros grupos políticos, en especial moitas das reivindicacións de carácter popular. O modelo de sociedade quedou intacto, campesiños, xornaleiros ou traballadores de fábricas, non viron mellorar a súa situación. A penetración e a expansión das ideas internacionalistas a partir de 1868 e a expansión do anarquismo e o socialismo abriron unha nova etapa na organización do proletariado e do campesinado.

Labor lexislativo das Cortes.

A cuestión da liberdade de culto e a publicación dun decreto de disolución da Compañía de Jesús provocou un amplo malestar entre os sectores máis conservadores da sociedade. O acoso á igrexa terminou por concretarse na Derrogación do Foro Eclesiástico, co cal deixaba sen efecto os beneficios que a igrexa obtiña do Estado.