Referentes históricos

Denomínase románica a arte que se dá en Europa entre os séculos X e XII. Tras a disgregación estilistica e espacial do período prerrománico, o novo estilo impuxo unha uniformidade de criterios que conseguiu edificar por toda Europa miles de igrexas construídas segundo os mesmos principios.

A finais do século X, e tras o cesamento das invasións bárbaras, a Europa cristiá alcanza unha etapa de estabilidade, principalmente grazas a tres factores ou circunstancias: a tranquilidade política dos distintos reinos europeos, a implantación do feudalismo e a supremacía da Igrexa como institución e como foco cultural.

Este poder intelectual do ámbito relixioso, agrandado en gran medida tras as desacertadas profecías apocalípticas dos anos 1000 e 1033, serviu para estimular o culto ás reliquias, feito que incentivou o fenómeno da peregrinación a lugares santos como Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela. Isto permitiu abrir importantes vías de comunicación comercial, facilitou o carácter itinerante dos grupos de mestres ou artistas locais, e repercutiu de forma moi favorable na produción artística, posibilitando que algúns estilos rexionais adquirisen unha resonancia europea.

No século VI fundouse a Orde beneditina, baseada na idea dunha vida en común dedicada a Deus e baixo o lema "Ora et labora". Os monxes debían gardar tres votos fundamentais: obediencia ao seu superior, castidade e pobreza. Este modelo de vida exemplar contaxiou á sociedade laica, conseguindo, por exemplo, que a aristocracia feudal se relacionase coas grandes abadías para asegurar a salvación eterna mediante doazóns económicas, agrarias ou artísticas.

Isto conduciu a un enriquecemento e luxo contrario ao voto de pobreza, e por iso a finais do século XI o monaquismo beneditino tivo que ser reconducido mediante a chamada reforma cluniacense, iniciada en Cluny (Borgoña). No século XII, e polo mesmo motivo, a Orde sufriu outra reforma da man de Roberto de Molesmes, quen cansado do crecente luxo dos beneditinos e movido polo espírito de humildade e pobreza fundou a orde do císter, impulsada sobre todo por San Bernardo de Claraval.

No século XI, coa auxe demográfica e o consecuente dinamismo rural, aumentaron non só os rendementos agrarios senón tamén os progresos técnicos. Todo iso facilitou que, pouco a pouco, a sociedade europea fose entrando nunha fase de evolución económica, política e cultural, que se viu reflectida principalmente nas cidades. Así, os centros urbanos empezaron a converterse en núcleos vitais repoboados e enriquecidos polo florecemento do artesanado e do comercio, e foron testemuñas da formación dunha nova clase social, a burguesía, cuxo papel será vital no devir histórico-artístico da Europa gótica.