Referentes históricos

O Renacemento é ante todo un movemento italiano. A Italia renacentista era un mosaico político de pequenas cidades, como Florencia ou Milán, dominadas por familias de aristócratas ou de banquei­ros. Paralelamente, nos Estados Pontificios, o papa Nicolás V (1447-1455) reformou a cidade de Roma e ordenou iniciar a reconstrución da basílica de San Pedro.

No século XVI, as continuas loitas entre Francisco I de Francia e Car­los I de España (V de Alemaña) converteron Europa nun campo de bata­lla, e Carlos I conseguiu alcanzar o título de Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico en detrimento do primeiro. Este conflito tivo tamén grandes repercusións en Italia, pois o apoio do Papa ao monarca francés provocou o asalto das tropas imperiais á cidade de Roma en 1527 (Saco de Roma). Este feito foi a principal causa da decadencia do papado e da poste­rior diáspora de pintores, escultores e arquitectos.

Na Italia do Quattrocento, as dinastías de príncipes ou tiranos, coma os Medicis en Florencia, foron capaces de manterse no poder dalgunhas cida­des durante moitos anos. No resto de Europa, sobre todo a partir do século XVI, os monarcas gobernaron co apoio da burguesía urbana, que lentamen­te gañou influencia respecto á nobreza.

No terreo económico, a finais do século XV produciuse un notable crecemento como consecuencia da actividade manufactureira e comercial de Alemaña, e dos descubrimentos xeográficos de España e Portugal, grazas aos cales empezaron a chegar a Europa o ouro e a prata procedentes de Améri­ca. Esta nova riqueza repercutiu na arte, xa que, grazas ao poder económi­co, se produciu un maior desenvolvemento cultural nas cortes dos reis e na residencia dos mecenas do século XVI.

A reforma protestante de Martín Lutero cambiou o mapa relixioso euro­peo, e o Cisma de Inglaterra promovido por Henrique VIII foi un dos epi­sodios máis notables. O papa Paulo III convocou, coa axuda de Carlos V, o Concilio de Trento (1541-1563) e intentou a reforma da Igrexa de Roma (Contrarreforma), cuxa ideoloxía estivo moi ligada á arte realizada duran­te a época barroca nos países católicos.

A saneada posición económica das cidades italianas permitiu que tanto nobres como os burgueses adiñerados e os gobernadores (principes, duques ou papas), dedicaran grandes sumas de cartos a encargar obras de arte e difundir a cultura en xeral. Convertéronse dese xeito en mecenas, homes que apreciaban a educación e as artes, e aos que lles gustaba rodearse dos mellores pensadores e artistas.

Os Médici en Florencia Os Sforza en Milán Os Montefeltro en Urbino

Cósimo Médici

Lorenzo Médici

Giuliano Médici

Isabella Sforza

Francisco Sforza

Federico de Montefeltro

En Roma: o Papado

Clemente VII (1523-1534)

León X (1513-1521)

Julio II (1503-1513)