A escultura

A escultura gótica foi liberándose, pouco a pouco, da férrea suxeición e subordinación ao marco e espazo arquitectónico, aínda que se mantivo estreitamente ligada á decoración dos edificios relixiosos. Ao igual que a arquitectura, a escultura gótica tivo a súa orixe en Francia, on­de durante os séculos XII e XIII se esculpiron gran cantidade de obras.

Seguindo a tradición románica, a escultura converteuse no principal elemento de ornamenta­ción das fachadas, e os tímpanos, as arquivoltas, as xambas, o lintel e o mainel ou parteluz poboá­ronse de multitude de estatuas, que representa­ban temas relixiosos con certa intencionalidade didáctica, configurando así o que se deu en cha­mar unha portada real, e cuxos mellores exem­plos se atopan nas catedrais de Chartres ou Reims.

No interior dos templos, a decoración escultó­rica estaba presente a través de relevos en púlpi­tos e no coro.

As figuras escultóricas deste período -orixinal­mente policromadas- humanízanse a través de diferentes recursos:

  • A estilización e redondeo das liñas. A elegancia dos movementos.

  • A captación dun certo naturalismo nos xestos e na expresión dos seus rostros.

  • Unha preocupación pola corporeidade e volu­metría das roupas e dos corpos.

Paralelamente, tamén se empeza a advertir un marcado sentido narrativo nas figuras represen­tadas. Realizadas en pedra, as temáticas máis re­correntes foron o Xuízo Final da Apocalipse e a Virxe María. Esta convértese, grazas á orde do Císter, na imaxe simbólica da igrexa.

Neste contexto, xa no século XIII, proliferaron as esculturas exentas nas chamadas estatuas-co­lumna que decoraban as xambas e o parteluz das portadas catedralicias, dándose así o primeiro paso cara á independencia da escultura respecto ao marco arquitectónico.

Este proceso de independencia ou autonomía da escultura tivo o seu desenlace durante o sécu­lo XIV, principalmente da man do escultor fran­cés Claus Sluter. A escultura fíxose totalmente autónoma no século XV, coa aparición de reta­blos escultóricos de carácter monumental e a proli­feración das imaxes de devoción exentas, e dos se­pulcros.

Porta do Sarmental da catedral de Burgos. As figuras deste Xuízo final son naturais e de gran realismo