Os primeiros conflitos

    • A industrialización produciu riquezas en cantidades descoñecidas ata entón, pero só para un reducido número de persoas. As diferenzas entre pobres e ricos incrementáronse. Ata ben entrado o século XX a base da recaudación da facenda pública foron os impostos indirectos e non os directos. En Inglaterra máis da metade das terras e casas pertencían a menos do 5% da poboación; as clases altas contaban cun millón de criados ó seu servizo... mentres que a clase obreira vivía unha existencia miserenta.

  • Algunhas persoas das clases medias e mesmo da burguesía tomaron conciencia dos abusos aos que conducía o liberalismo, e ben por sentimentos filantrópicos ou por temor á sublevación dos obreiros promoveron reformas que poidesen conducir á mellora das condicións laborais e de vida dos traballadores, aínda que contaron coa oposición dos donos das fábricas. Pero foron os propios traballadores movidos pola desesperación mesma, os que se enfrotaron de forma violenta á nova e inxusta realidade social.

As primeiras reaccións obreiras ante as innovacións capitalistas, tanto técnicas (introdución de maquinaria) como políticas (prohibición de gremios e asociacións obreiras) tomaron a forma de protestas espontáneas e violentas contra as propiedades dos burgueses: talleres, materias primas, e sobre todo contra as máquinas e ferramentas que facían perigar os postos de traballo.

Este movemento que se coñece polo nome de ludismo en referencia a Ned Ludd, tecedor británico ó que se atribúe a destrución de teares mecánicos, tivo grande importancia en Gran Bretaña, especialmente entre 1811 e 1817.

Posteriormente houbo movementos semellantes noutros países europeos, incluida España. As protestas sociais violentas terán a súa culminación no proceso revolucionario de 1848 que sacude toda Europa: xunto a outras capas da poboación que reclamaban transformacións políticas de carácter liberal, democrático ou nacionalista, os obreiros, que sufrían a dureza da crise económica, partiparon reclamando melloras nas súas condicións de vida.