Como se fai unha composición histórica

Segundo a actual lexislación, o alumnado de 2º de Bacharelato que se presenta á proba de Selectividade, debe elaborar, na materia de Historia de España, unha composición de texto histórico.

A proba en cuestión, cunha duración de 90 minutos e con dúas opcións das que o alumno/a escolle unha, plantexa a elaboración dun tema propio a partir dunha serie de documentos de diversa índole (textos, fotos, mapas, gráficas, etc.), referidos á Historia Contemporánea de España.

Con este modelo de exercicio, agárdase do alumnado que amose coñecementos concretos sobre a materia pero tamén madurez; é dicir, que sexa quen de elaborar un texto no que se reflexione sobre os documentos aportados e se inserte, a partir deles, outra información que os complemente, coa fin de compoñer un texto no que se amplien e relacionen os coñecementos adquiridos polo alumnado ó longo do curso e referidos ó tema que se pregunta. A madurez inclúe, por tanto, unha correcta capacidade de expresión escrita, valorándose a coherencia dos argumentos, a claridade expositiva (construír ben as oracións, empregar os enlaces axeitados, que a exposición sexa ordenada...), a utilización dun léxico apropiado ó seu nivel e unha utilización correcta da ortografía.

Os temas que se consideran de suficiente importancia poden ser de dous tipos: ou ben un asunto recorrente na historia, tratado en varias ocasións ó longo do curso e que poida ser abordado diacronicamente (é o caso das relacións Igrexa-Estado, asuntos como o exercicio da soberanía ou do sufraxio en diferentes réximes políticos e momento, o papel do exército na política española contemporánea, as transformacións económicas, os movementos sociais...); ou ben pode tratarse de asuntos cunha maior concreción no tempo pero especialmente significativos (é o caso da política autárquica, cuestión como a evolución política do reinado de Fernando VII, ou do Sexenio democrático, as reformas esenciais durante a Segunda República...). Na medida do posible, trataranse de combinar estas dúas posibilidades.

Por elo, á hora de elaborar unha composición de texto, cómpre facelo en tres fases:

1. Fase de análise

O primeiro que hai que facer é ler con calma o encabezado do exercicio para saber que se nos pide. A continuación teremos que analizar os documentos propostos. Si se trata de textos, hai que procurar extraer o tema central ou as ideas que presentan; se son táboas ou gráficas hai que atender ás cifras (totais, porcentaxes...) e ás datas, coa fin de identificar acontecementos concretos que aparezan nos textos; se son imaxes, reflexionar sobre a información que ofrecen: lugares, obxectos, personaxes, acontecementos, actitudes...., e se son mapas atender ós sinais (frechas, liñas, puntos...) así como ás fronteiras, nomes e datas que aparezan.

É recomendable subliñar os textos, facer anotacións á marxe e sinalar aqueles aspectos que nos chamen a atención nos documentos que temos diante. As ideas que se nos vaian ocurrindo a medida que lemos os documentos débense anotar tamén para recuperalas posteriormente e incluílas ordenadamente na redacción do texto.

2. Fase de elaboración

Sen dúbida é a parte máis importante e tamén a máis complicada. Unha vez analizado os textos e tendo claro o plantexamento proposto, comezaremos a nosa exposición. Nunca debemos perder o sentido do que se nos pide, é dicir, hai que cinguirse á pregunta do encabezado. Iremos engadindo os documentos aportados, non necesariamente pola mesma orde en que aparecen, evitando sempre o parafraseo ou a descrición infantil. Engadiremos os coñecementos que posuamos sobre o tema, procurando dar forma a toda información que temos e tratando de contextualizar os acontecementos. Debemos evitar a desorde, a repetición de ideas e, pola contra, ser claros e demostrar capacidade de relacionar as ideas. Cómpre non esquecer que contamos cun tempo máximo de hora e media.

3. Fase de repaso

Rematado o exercicio e antes de entregalo, débese repasar coa fin de comprobar que non nos quedou nada atrás, que se mantén unha lóxica na exposición e que non se cometeron erros ortográficos.