O postimpresionismo: Cézanne (Natureza morta con fruteiro)

Postimpresionismo: Cézanne from Ana Rey

"Quero impresionar a París con unha mazá" Naturezas mortas

Cézanne desenvolveu unha nova técnica de representación de obxectos no espazo. Redescubrió o tema do bodegón ou natureza morta sobre bases dimensionais e logrou a profundidade de campo con medios exclusivamente artísticos.

Ao renunciar a reproducir os obxectos nunha perspectiva lineal, Cézanne pode plasmalos na dimensión máis conveniente para a composición. A disposición das formas no cadro, aparentemente casual, dá lugar a composicións meditadas e cheas de tensión.

Cézanne colocaba no seu estudo os obxectos dos seus bodegóns para pintalos. Ademais dos froitos, aparecen nas súas composicións, xarras, potas , pratos e moitas veces tamén un solemne mantel branco, que dá aos cadros un certo aire barroco.

As formas das baixelas son sinxelas e sen arte, e ata entre os froitos prefire as máis sinxelas formas redondeadas: cebolas, peras, melocotóns e sobre todo as mazás. Neles é onde mellor logra configurar os volumes, valéndose dunha refinada combinación de cores e sen ter que recorrer a trazar contornos ou sombreados.

Non son os obxectos o que debe chamar a atención, senón a disposición das cores e as formas sobre a superficie do cadro, tal cal as ve o pintor cos seus ollos.

Mediante esta captación visual subxectiva, pero consciente e guiada polo intelecto, Cézanne logra levar ao lenzo unha nova versión da realidade.

Cézanne desenvolve a composición a base de pinceladas de cor repartidas por todo o lenzo, sobre as que vai construíndo lentamente a forma e volume dun obxecto.

Catalogación

O tema é totalmente intranscendente, constitúe só un pretexto para a súa persoal reflexión pictórica.

Sobre unha mesa ou cofre sitúanse un pano dobrado con mazás e un coitelo, un froiteiro con mazás e uvas, e unha copa; o conxunto apoiase nunha parede de papel pintado de follas.

As obras impresionistas resultaban brillantes pero confusas e Cézanne aborrecía a confusión. A primeira vista todo nesta natureza morta semella torpemente deseñado: a mesa aparece desequilibrada, inclinada de esquerda a dereita e de detrás a diante; o pé do froiteiro nin sequera está centrado; o pano de mesa dobra en ríxidas pregas. Pero no fondo existe un completo equilibrio compositivo resultante dun proceso de meditación analítica que o levou a desprazar a cunca do froiteiro á esquerda para encher o espazo baleiro. E posto que quería estudar todas as formas colocadas sobre a mesa nas súas relacións entre si, inclinouna sinxelamente cara abaixo para que todas se viran en plenitude.

Está claro que o invento da perspectiva lineal de Brunelleschi non lle interesou nada, tal sistema fora creado para crear a ilusión de espazo e el o que verdadeiramente quería transmitir era o sentido de solidez e volume prescindindo de ser preciso do debuxo convencional ou contrariando a natureza nalgún detalle se con iso lograba o efecto desexado.

Tratase dunha percepción subxectiva e intelectual pois mostra a natureza desde un enfoque exclusivamente pictórico buscando o ángulo máis evidente do obxecto. Podemos dicir que fai unha arquitectura do cadro, unha superficie bidimensional coloreada en planos de cor contrastados e superpostos substituíndo o debuxo para definir as formas.

Este xeito de mostrar os distintos elementos desde distintos puntos de vista nunha visión única é o que prefigura o Cubismo. Aquí vemos como combina a visión frontal -a copa-, a visión lateral -o froiteiro- e a visión desde arriba -a mesa-.

A sensación de estatismo nesta ordenada composición dinamízase polas diagonais do pano en disposición triangular e do coitelo, e polo conxunto de curvas dos diferentes elementos. O que semella ser o ollo da fechadura da mesa ou arca, un pequeno plano negro, centra o deseño e funciona como conexión dos elementos verticais sobre a superficie horizontal.

A cor sempre intensa resulta variada dentro da limitada gama cromática utilizada: verdes, vermellos e brancos. Emprégase con múltiples matices en función da luz que entra desde a esquerda e da sombra xerada -sen servirse nunca do claroscuro tradicional-, diferenciada para cada un dos obxectos e graduada nunha escala particular en cada caso. É a cor coa luz que incorpora a que constrúe as formas esenciais de cada obxecto, conforma a perspectiva e define os volumes, volumes simples tendentes a formas xeométricas sinxelas: cilindro, cono e esfera. Certo que a luz modifica as cousas, pero só no seu exterior, non na súa estrutura interna e iso é o que hai que destacar para que sempre sexa igual e verdadeira. Neste caso dominan as esferas das froitas pero destacan as elipses irregulares do froiteiro -máis arqueada a superior en contra das leis da perspectiva- e da copa -con elipses máis simétricas-, ambos en alto. Igualmente a curva domina na follaxe do papel, pero todo asentado sobre superficies planas e estruturas horizontais e verticais, é o froiteiro quen estabiliza e da forza ó conxunto dos elementos.

Os contornos de cada forma están claramente delimitados, definidos por unha sólida liña negra.

Non se interesa especialmente polas texturas, en todo caso só a calidade de opacidade ou transparencia, a atmosfera, e a existencia superficial do pictórico en si mesmo no ornamento da parede empapelada.

Pinta con curtas pinceladas nesgadas e paralelas, case uniformemente aplicadas para delimitar os planos de cor. A pincelada tende a ser plana, ancha, cadrada e xustaposta, con trazados verticais ou oblicuos particularmente visible no fondo. Esta factura de técnica facetada e que algúns denominan pincelada construtiva amplificarase nos últimos tempos da súa vida.

O que vemos pois é o resultado dun estudio da realidade, independente do seu efecto exterior -como facían os impresionistas-, pois por moito que varíe coa luz, as formas son sempre as mesmas, a súa estrutura principal resulta sempre igual de verdadeira.

A súa extrema meticulosidade e as longas sesións de traballo para aprehender a entidade de cada froito, levouno a ensaiar con froitas de cera pois aquelas variaban con paso do tempo.

Título: Still Life with Compotier (Natureza morta con fruteiro) Autor: Paul Cezanne

Cronoloxía: 1880

Estilo: postimpresionismo

Técnica: óleo sobre lenzo

Tema: natureza morta .Tratase dunha natureza morta na que se presentan distintos obxectos e froitas, uvas e mazás, dispostos sobre unha mesa, ou nunha arca segundo parece pola pechadura da parte inferior, ó carón dunha parede empapelada de flores.

Localización: Collection Mr. and Mrs. Rene Lecomte, Paris

Modelos e influencias

Cezanne aprendeu a técnica impresionista con Pisarro pero a súa pintura vai máis aló do impresionismo, creando logo de moitos anos de lenta evolución, recuperar o volume, grazas á xeometría, o debuxo e a definición das formas, mediante pinceladas que foron chamadas “construtivas”; todo iso sen renunciar á cor cuxa intensidade prima mediante os contrastes e as sombras coloreadas.

Nos seus cadros se potencia o primeiro plano resultando comprimido os demais e realiza pequenas distorsións, froito da utilización de máis dun punto de vista Cezanne dá un paso fundamental que abrirá o camiño á arte do século XX ao considerar que as formas dos obxectos vense modificadas polas dos obxectos adxacentes, o cal supón a superación da xeometría euclidiana.

É considerado o antecesor directo do cubismo pola súa capacidade de descompoñer a realidade mediante figuras xeométricas, tamén influíu noutros movementos coma o fauvismo e o expresionismo, ao superar a obriga de copiar con precisión naturalista as cores e as formas dos obxectos. Os dous fundadores do cubismo, Georges Braque e Pablo Picasso son dos admiradores de Cezanne, lles fascinaba a súa ruptura coas leis da perspectiva desenvolvida desde o Renacemento.

Georges Braque: Casas no Estanque (1908)