Vocabulario

Ábsida: recinto en forma semicircular no que remata unha igrexa ou unha nave. Cabeceira da nave central.

Absidiolas: pequenas ábsidas secundarias que se forman entorno a ábsida principal.

Arco faixón, de faixa ou perpiaño: o que cingue a bóveda para reforzala e se dispón transversalmente ao eixo lonxitudinal da nave dividíndoa en tramos.

Arquivolta: moldura que serve de marco á cara frontal dun arco. En plural conxunto de arcos abucinados que forman unha portada.

Bóveda de canón: cuberta semicilíndrica, orixinada polo desprazamento dun arco de medio punto sobre soportes paralelos ao longo dun eixo lonxitudinal.

Cruceiro: espazo común á nave lonxitudinal e transversal ou transepto dunha igrexa, sobre o cal se adoita levantar unha cúpula ou un ciborio.

Ciborio: torre de planta cadrada ou octogonal que se levanta enriba do cruceiro dunha igrexa para que entre a luz.

Deambulatorio: corredor que rodea a traseira do altar maior. Adoita ser prolongación das naves laterais nas igrexas de tres naves.Tamén chamado xirola.

Espazo límite: espazo delimitado por elementos arquitectónicos que inflúe nas formas do relevo ó limitar a súa expansión de xeito que este adquire forma mural, modera os volumes e só suxire o movemento sen romper a continuidade de planos.

O espazo concibido como límite é propio da arte grega arcaica ou da arte románica.

Fresco: pintura realizada sobre xeso húmido.

Frontal: paramento de madeira, metal, pedra ou seda que adorna a parte dianteira do altar.

Horror vacui: terror ao baleiro. Aplícase a concepción artística partidaria de non deixar ningún espazo da obra plástica sen traballar nin decorar. O horror vacui está presente na plástica románica, e se aplicará tanto nos espacios pictóricos como nos espacios reservados á decoración escultórica, que ocupará con motivos ornamentais o espazo que quede libre de figuración.

Maiestas Domini: representación do Deus que xulga. Está sentado nun trono co Evanxeo na man esquerda mentres bendice coa dereita.

Pantocrátor:representación do Todopoderoso, Cristo en Maxestade, que preside os tímpanos, ábsidas ou capelas, sobre todo das igrexas románicas.

Parteluz: Elemento vertical, en forma de columna ou piar, que divide a anchura ou luz dun vano, fiestra ou porta.

Perspectiva xerárquica:recurso plástico no cal as figuras máis importantes socialmente, son de maior tamaño que as outras figuras que as acompañan.

Planta de cruz latina: planta en forma de cruz, normalmente dunha igrexa, na que o transepto divide a nave principal en dous coa parte do presbiterio máis curta, o que configura os brazos da cruz desiguais.

Presbiterio:Espazo na cabeceira das igrexas que circunda o altar maior ou o antecede, normalmente separado da nave por uns banzos, e que se reserva aos sacerdotes.

Refectorio: comedor dos relixiosos dun mosteiro ou convento. Xeralmente é rectángular, accédese polo claustro e sitúase na galería oposta á igrexa.

Tetramorfos: representación conxunta dos símbolos dos Catro Evanxelistas. A aguia, de San Xoán, o león, de San Marcos, o boi, de San Lucas e o anxo, de San Mateo.

Tímpano: parte interior dun frontón onde, xeralmente, se colocan esculturas ou relevos. Nas igrexas é o espazo delimitado polo lintel e as arquivoltas.

Transepto: nave transversal dunha igrexa que forma unha cruz coa nave principal.

Tribuna: galeria aberta situada sobre as naves laterais dunha igrexa cristiá, desde a cal os fieis poden seguir as cerimonias relixiosas.

Triforio: serie de ventanais de carácter ornamental por riba das arcadas das naves, comporta un pequeno pasadizo de circulación. Propio da arquitectura gótica.

Xamba: elemento vertical a modo de columna que sostén o lintel ou arco dunha porta ou ventá. En arquitectura románica descansan nelas as arquivoltas.