O entusiasmo da poboación ante a guerra

A necesidade de xustificar o enorme gasto de armamento fixo que a propaganda oficial, axudada pola prensa, fose creando entre a poboación unha psicose de guerra. Ademais, moitos gobernos fomentaron un forte patriotismo fronte ao inimigo co propósito de acalar os seus propios problemas políticos e sociais. A guerra foise presentando como un feito inevitable para o que había que estar preparados e unidos ("unión sacra").

Así que, cando estalou a Guerra, unha parte da poboación saíu á rúa para celebralo; por fin, podían dar un bo escarmento ao inimigo.

Manifestación en Berlín en apoio da Guerra do 14

O filósofo B. Russell describe a situación que se está a vivir en Londres:

""Durante os calorosos días de finais de xullo, eu estaba en Cambridge, discutindo a situación con todo o mundo. Consideraba imposible crer que Europa estivese tan tola como para precipitarse á guerra, pero eu estaba convencido de que, se chegaba a haber guerra, Inglaterra veríase involucrada. Eu desexaba vivamente que Inglaterra permanecese neutral, para o que recollín firmas dun amplo número de profesores e compañeiros para unha declaración que, para ese efecto, apareceu no Manchester Guardian. O día que a guerra foi declarada, case todos eles cambiaron de pensar. Botei a tarde paseando polas rúas, especialmente nas proximidades de Trafalgar Square, observando a un entusiasmado xentío que me facía a min mesmo sensible a tales emocións. (...) Eu había suposto inxenuamente o que a maioría dos pacifistas afirmaban: que as guerras eran unha imposición de gobernos despóticos e maquiavélicos sobre unha poboación que as rexeitaba. (...)" (Autobiografía)