Referentes históricos

No século XII, feudalismo, relixión e monarquía marcaron as pautas dunha sociedade que, grazas ao crecemento demográfico e ao perfeccionamento dos métodos agrícolas e comerciais, iniciou un período de expansión cun claro obxectivo unificador e universalista. Proba diso é, por exemplo, o fenómeno das cruzadas e das peregrinacións.

Este proceso de crecemento e mellora vital culminou ao longo do século XIII, período no que a prosperidade económica e comercial posibilitou o auxe dos burgos e cidades, así como a aparición dunha nova clase social, a burguesía, cuxo poder veu precedido do enriquecemento mercantil.

Este novo grupo social de influencia urbana facilitou que a cultura, ata entón dominada e controlada polos mosteiros rurais, pasase a mans das or­des mendicantes das cidades. Estas ordes (franciscanos e dominicos, princi­palmente) fixeran escolas e máis tarde universidades, que se converteron en grandes centros do ensino intelectual, artístico e cultural de Europa. Estas últimas convertéronse en centros esenciais do ensino da actividade intelectual, artística e cultural, quedando moitas delas baixo a tutela das chamadas ordes mendicantes (franciscanos e dominicos, principalmente).

A expansión económica das centurias anteriores veuse bruscamente inte­rrompida, a mediados do século XIV, polo que se coñece co nome de crise da Baixa Idade Media. A fame, as guerras e as epidemias (Peste negra de 1348) marcaron a desfeita demográfica e económica das cidades europeas. Este cambio afectou tamén ao fenómeno relixioso, o cal viu como a súa vertente espiritual e intanxible era substituída por unha relixión máis sentimental e humana, cun claro reflexo na creación artística escultórica e pictórica.

Paralelamente, iniciouse unha nova corrente de pensamento: o Huma­nismo, que deu lugar a unha visión do mundo baseada, ante todo, na expe­riencia individual do ser humano e na reflexión crítica, piares ou antece­dentes da florecente época renacentista.

As cidades son centros de poder da burguesía e o seu símbolo é a catedral.

Como símbolo do reino de Deus sobre a terra, a catedral miraba dende a altura á cidade e aos seus habitantes, situándose por enriba de todos os demais intereses da vida.

A cidade de Carcasonne

Abadía de Mont Saint-Michel (Normandía, Francia)