Retrato de Carlos V na batalla deMühlberg

Catalogación

Título: Carlos V na batalla de Mühlberg

Autor: Tiziano

Cronoloxía: 1548

Estilo: Renacemento (Cinquecento), escola veneciana.

Técnica: óleo

Soporte: lenzo (283 x 335 cm)

Localización: Museo do Prado, Madrid.

Tema: retrato ecuestre de Carlos V. Foi pintado en Augsburgo en1548, conmemoración da vitoria do emperador Carlos V sobre a liga de Smalkalda en Mühlberg o 24 de abril de 1547. A escisión protestante non era só relixiosa, senón tamén política no seo do Sacro Imperio Romano Xermánico, e Carlos era o emperador dese Imperio.

Como celebración do triunfo da fe católica sobre a protestante, a obra ten carácter propagandístico, ó servizo do poder.

O punto de vista baixo realza a figura soa, recortada sobre a paisaxe boscosa e as ribeiras lamacentas do Elba, que avanza desde a esquerda, a zona máis escura, á dereita, espazo aberto onde domina a luz vermella de solpor que lle da un certo tono de recollemento e tamén de soidade.

A clara diagonal da lanza subliña o sentido da composición, unha composición clara e equilibrada.

A luz natural crepuscular domina a escena e crea todo un xogo de contrastes de cores que se alternan con múltiples matices de sombras.

A perspectiva aérea fai que se acumulen no fondo as gamas frías de verdes e azuis sobre as que destacan os vermellos da manta do cabalo, da banda do emperador e dos penachos así como os brillos metálicos da armadura de ouro e prata, contrastando co a palidez do rostro do emperador, un home xa enfermo que mantén aínda un punto de determinación e seguridade

Tiziano aplica a calidade da cor veneciana a grandes pinceladas soltas, con veladuras de capa sobre capa, deixando as formas indefinidas (penachos, árbores) pero cun coidado tratamento de texturas (metal, plumas, pel).

Este retrato ecuestre converteuse en modelo que terá importantes seguidores, desde Rubens (duque de Lerma) a Velázquez (FilipeIV, conde-duque de Olivares, príncipe Baltasar Carlos) e Goya (xeneral Palafox, ) ata David (Napoleón).

Comentario